Denuncian discriminación nunha biblioteca da Coruña

A Valedora do Pobo admitiu a trámite queixas de varios traballadores da Biblioteca Miguel González Garcés que se sinten discriminados e maltratados.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/09/2016 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Valedora do Pobo admitiu a trámite queixas de arios traballadores da Biblioteca Miguel González Garcés  sobre a situación laboral que, desde fai xa máis de dous anos, están a vivir no seu centro de traballo.

Nos seus escritos os traballadores denuncian a “falta de obxectividade” por parte da directora do centro e a súa “negativa permanente, a pesar de que a normativa laboral dálles ese dereito”, a conceder aos traballadores que o necesitan a flexibilización horaria ou a conciliación familiar. “A súa frase favorita é 'nesta biblioteca nin se concilia nin se flexibiliza'”, suliñan nun comunicado.

Biblioteca Miguel González Garcés, na Coruña
Biblioteca Miguel González Garcés, na Coruña | Fonte: Xunta.gal

Ademais, critican a denegación sistemática de dereitos laborais básicos como días de asuntos propios, “limitación do período vacacional só para determinados traballadores pola implantación dunhas instrucións exclusivas para este centro e distintas ás do resto da Xunta de Galicia”. “A súa xestión do persoal unicamente provoca agravios comparativos entre compañeiros do mesmo centro”, apuntan.

Debido a esta situación, varios traballadores tiveron que acudir á vía xudicial para defender os seus dereitos, e soamente grazas a todas as sentenzas xudiciais favorables conseguiron facer valer os seus dereitos.

Por todo isto, din que o “ambiente laboral tóxico” afectou gravemente á saúde de varios traballadores, chegando a estar nalgún momento un terzo do persoal de baixa por incapacidade laboral. Actualmente estase realizando un estudo sobre os riscos psicosociais deste centro.

Críticas á consellería

Denuncian tamén a pasividade e conivencia dos responsables da Consellería de Cultura, “que sendo sabedores por diversos escritos e denuncias da situación que sofren os seus traballadores desde que foi nomeada esta directora,  non tomou ningunha medida para corrixir esta situación”.

Neste sentido, denuncian que, aínda que a Valedora lle solicitou información á consellería, esta non emitiu o informe solicitado no prazo correspondente, polo que se lles volveu a requirir a información solicitada e se lle lembrou que é unha obrigación legal tal e como se recolle no art. 22 da Lei do Valedor do Pobo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta