Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/09/2016 | Actualizada ás 11:03
O número de execucións hipotecarias sobre vivendas en Galicia situouse en 169 no segundo trimestre, cifra un 43,29% inferior á do mesmo período do ano anterior, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE). En comparación co primeiro trimestre, a cifra baixou un 20,28%. A estatística de execucións hipotecarias do INE non precisa cantas das 169 execucións sobre vivendas se corresponden con vivendas habituais, como si o fai no caso do conxunto estatal. Si recolle, non obstante, a distribución das vivendas sobre as que se realizaron execucións hipotecarias por estado (159 usadas e 10 novas) e por titular (115 persoas físicas e 54 persoas xurídicas).
En total, as execucións hipotecarias sobre o total de terreos na comunidade galega ascenderon a 466: as 169 sobre vivendas, 24 sobre soares, 227 sobre outras urbanas e 46 sobre terreos rústicos.
DATOS ESTATAIS
En todo o Estado, as execucións hipotecarias sobre vivendas habituais alcanzaron as 6.398, o que supón un descenso do 26,2% respecto ao segundo trimestre de 2015. En termos intertrimestrais (segundo trimestre de 2016 sobre o primeiro), as execucións hipotecarias sobre vivendas habituais subiron un 4,6%.
O obxectivo principal desta estatística é ofrecer trimestralmente o número de certificacións de execucións hipotecarias iniciadas e inscritas nos Rexistros da Propiedade durante o trimestre de referencia. Estadística recorda que non todas as execucións de hipoteca rematan co lanzamento (desafiuzamento) dos seus propietarios.
No segundo trimestre iniciáronse 20.927 execucións hipotecarias, un 27,7% menos que no mesmo período de 2015 e un 8,1% máis que no primeiro trimestre. Delas, 19.852 afectaron a predios (onde se inclúen as vivendas) e 1.075 a terreos rústicos.
As execucións hipotecarias sobre predios descenderon un 27,7% en relación ao segundo trimestre de 2015 e subiron un 9,1% respecto ao trimestre anterior. Dentro dos predios, 11.940 execucións corresponderon a vivendas, un 30,4% menos en taxa interanual.
Dentro das vivendas, as execucións hipotecarias sobre vivendas de persoas físicas sumaron 8.050 no segundo trimestre ( -27,6% interanual), das que 6.398 son vivendas habituais en propiedade e 1.652 non son residencia habitual dos propietarios. Estas últimas baixaron un 32,5% respecto ao segundo trimestre de 2015.
Segundo o INE, só o 0,04% das vivendas familiares existentes en España (18.426.200) iniciaron unha execución hipotecaria entre abril e xuño de 2016.
MÁIS EXECUCIÓNS EN VIVENDAS USADAS
Do total de execucións hipotecarias sobre vivendas rexistradas no segundo trimestre, un total de 10.233 afectaron a vivendas usadas, cun descenso interanual do 31,2%. As execucións sobre vivendas novas sumaron 1.707, un 25,1% menos respecto ao mesmo trimestre de 2015.
A estatística revela ademais que o 20,1% das execucións hipotecarias iniciadas sobre vivendas no segundo trimestre corresponde a hipotecas constituídas en 2007, o 15,8% a hipotecas subscritas en 2006 e o 13,6% a hipotecas asinadas en 2008. Ampliando un pouco máis o espectro, aos anos 2005-2008, obtense que este período concentra o 59,4% das execucións hipotecarias iniciadas no segundo trimestre deste ano.
ANDALUCÍA LIDERA AS EXECUCIÓNS HIPOTECARIAS SOBRE VIVENDAS
Por comunidades autónomas, Andalucía lideró as execucións sobre vivendas no segundo trimestre, cun total de 3.520, seguida de Comunidade Valenciana (2.070) e Cataluña (1.999). No lado oposto situáronse La Rioja (37), País Vasco (61) e Navarra (66).
Sobre o total de terreos, Andalucía tamén encabezou o número de execucións hipotecarias, con 6.478, seguida de Comunidade Valenciana (3.398) e Cataluña (3.042). Á cola situáronse La Rioja (85), Navarra (107) e País Vasco (129).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.