SOS Sanidade Pública denuncia ao Sergas pola mala calidade das agullas usadas polos diabéticos

Na denuncia alértase de que as agullas desbotables que se proporcionan aos pacientes para a súa autoinxección presentan diversas deficiencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2016 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

A plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela denunciará este mércores á Consellería de Sanidade pola mala calidade das agullas usadas polos diabéticos para a inxección de insulina. Na denuncia alértase de que as agullas desbotables que proporciona o Sergas aos pacientes para a súa autoinxección presentan diversas deficiencias como que se parten dentro do corpo do paciente, producen edemas, dóbranse causando desgarro, ao tempo que non enrosca ben a pluma polo que se perde parte da insulina.

Utensilios para o control da diabetes
Utensilios para o control da diabetes | Fonte: Pixabay.

Os denunciantes sinalan que as complicacións "son de sobra coñecidas por a autoridades da Consellería de Sanidade", xa que se presentaron reiteradas evidencias polas asociacións de diabéticos e a plataforma SOS Sanidade Pública "mediante denuncias á valedora do Pobo e preguntas formuladas no Parlamento a través dos grupos parlamentarios".

Na denuncia achéganse diversas probas documentais como radiografías de agullas rotas no abdome dun paciente, así como varias queixas de pacientes diabéticos.

Por iso, esta plataforma demanda que se investiguen os feitos denunciados por se son constitutivas dun delito de lesións, tipificado no artigo 147 do Código Penal.

VISIÓN DA VALEDORA

Por outra banda, a valedora do Pobo, Milagros Otero, foi preguntada este martes polas queixas de enfermos de diabete sobre a resposta dada polo alto comisionado respecto ás súas demandas. De tal forma, defendeu que a súa institución "nunca dá todo por bo en ningún caso" e considerou que "cando unha persoa pide e non ten moitas veces a resposta que lle gustaría, está no seu dereito de seguir protestando".

"Eu non estou conforme, non obstante, con que diga que dende esta oficina non nos preocupamos polo seu problema", respondeu Milagros Outero.

Así, dixo que "houbo cousas que se solucionaron". Neste sentido, indicou que se puxeron en contacto coa Consellería de Sanidade, departamento que entendeu que "nalgúns casos pode ser que o material non sexa o máis axeitado, pero están a ver a posibilidade de arranxalo".

Dito isto, ratificou que o Valedor do Pobo está "preocupado" por esta cuestión, como por "outras moitas cousas". "Non podo aceptar, nin acepto, se se me permite a expresión, que dende esta oficina se fan oídos xordos a calquera cousa porque nunca se fixo nin se fará, outra cousa é que non poidamos resolver acorde coas expectativas as queixas que nos chegan", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta