É dicir, que o 70 por cento -a gran maioría- aposta polo ensino en galego. E tanta historia para dar a coñecer algo que xa se sabía de antemán? 400 mil euros, que pagamos todos, tirados nesta parida de enquisa? E agora preguntámonos todos qué diaños irán facer a raíz dos resultados desta enquisa. Se fosen outros, igual se lles daba por replantexar a educación neste país; outra cousa é que chegasen a conseguilo, que o dubido moito.
A cuestión é, logo: e agora que? Vanse deixar de lerias e non derogar o decreto do galego? Ou acaso aínda así van seguir erre que erre que de 50 por cento en galego nada de nada? Que espabilen e que asimilen a realidade na que viven, que é moi distinta daquela na que están permanentemente inmersos. Viven no seu mundo creado artificialmente e non hai quen os saque de aí.
Pensan que por gañaren de penalti xa poden modificar a realidade como lles pete. E acaban de levar a primeira na fronte.
O outro día entereime dunha anécdota moi simpática. Resulta que un mes despois das eleccións "apareceron" nun cuarto nada menos que 8 sacos cargados de votos de emigrantes galegos nas oficinas centrais de correos en Zurich. A pesar da coñecida dilixencia e organización dos suízos, eses votos nunca chegaron a Galicia. Aquí o descubrimento non tivo relevancia ningunha. A noticia nin sequera chegou aquí. No cantón de Zurich aínda quedan varios milleiros de galegos, e sabido é que non votan precisamente á dereita. E aquí non pasou nada. Nin sombra de fraude nin nada. Un escándalo propio dun país terceiromundista.