Abel Losada: “Hai unha estratexia clara por parte do PP e dalgún medio de conxelar a campaña”

O candidato do PSdeG por Pontevedra amósase convencido nesta entrevista que o 25S haberá un cambio na Xunta liderado por Leiceaga. Admite que os problemas internos no seu partido non axudan, pero lembra que iso pasou tamén na época de González e que acabou gañando os comicios. Critica duramente as políticas privatizadoras de Feijóo e lembra que Vigo deulle claramente as costas nos pasados comicios.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 21/09/2016 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Como vai esa campaña. Canso?
Estes 15 días teñen unha mecánica bastante similar, unha parte de recorrer a provincia de Pontevedra e actuar no meu concello de referencia, en Vigo. Pero non son máis difíciles que outras.  É a terceira en nove meses, aínda que temos unha dinámica diferente. Pero non estou canso.

Abel Losada, do PSdeG
Abel Losada, do PSdeG | Fonte: vigoalminuto.com

Supoño que percibirás como reacciona a xente, non?
En termos de mítines eu vexo un clima bastante positivo. Non hai diferencia con outras campañas autonómicas. Os militantes do PSOE sempre exercen unha labor de cohesión e responsabilidade que é para sentirse orgulloso. A min gústame repartir publicidade na rúa que é onde tes o contacto coa xente. E aí detectas ese cansancio da xente por esa terceira campaña en nove meses, que non é polo PSOE, senón polo calendario electoral.

E como ves as perspectivas do PSdeG na provincia?
O partido ten que saír a mellorar o resultado das pasadas eleccións. Temos cinco deputados autonómicos e eu creo que temos que pelexar polo sexto. Trátase de facelo o mellor posible e presentar o noso proxecto con honradez e transparencia e mobilizar o electorado de esquerdas que, ás veces, é mais difícil de mobilizar.

Digo isto porque algunhas enquisas apuntan que pode perder parlamentarios?
As enquisas son enquisas. Eu non cuestiona a súa validez como variable a ter en conta. Pero non son a verdade revelada. E eu lembro que nas eleccións municipais de Vigo a media das enquisas dábanlle 13 concelleiros ao PSOE e tivemos 17. Hai que traballar e presentar o noso proxecto con honestidade e transparencia. O máis importante é o que os cidadáns digan o 25S.

E non cres que se pode dar o sorpasso por En Marea?
Eu creo que non porque hai unha pulsión de cambio en Galicia, máis alá do que digan as enquisas. Boa parte da poboación ve que as políticas da dereita non dan solución aos seus problemas e dentro desa posición de cambio, o PSdeG presenta, por un lado, experiencia e, por outra, traxectoria de dous gobernos socialistas que en Galicia foron elementos modernizadores de primeiro orde. A xente que reflexione sobre o que foi o PSdeG en Galicia e o que foron outros gobernos, e algúns moi recentes, pois difícilmente vai permitir que ese proceso de cambio non o lidere o PSdeG.

Abel Losada e Abel Caballero
Abel Losada e Abel Caballero | Fonte: vigoalminuto.com

Pensas que os problemas internos do PSOE e a elección de Leiceaga poden ter influído nunha posible fuga de votos?
Eu creo que o ruído interno sempre afecta, pero afecta menos do que pensamos. A xente fai valoracións moi sensatas no sentido de que o ruído interno non ten que interferir na labor política dun partido que quere formar un goberno. Eu lembro que con González había aquilo de guerristas e renovadores e foi Felipe quen modernizou España. A xente xa o ten integrado na súa visión política.

Entón non van influír as leas internas?
Eu creo que non.

En todo caso, esas feridas abertas semella que aínda non están pechadas...
Houbo un proceso de elaboración de listas que rematou nun conflito. Pero os militantes do partido e responsables orgánicos e institucionais temos unha gran capacidade de cohesión da que estou moi orgulloso. Haberá movementos orgánicos pero que non teñen que ver coa campaña. Nalgún momento haberá que abrir un proceso orgánico para elixir ao futuro secretario xeral do partido e aí, lexitimamente, os compañeiros que queiran presentarse o farán e o partido votará como o fixo ata agora.

Pero o alcalde de Vigo foi moi crítico con Leiceaga. Este luns non estivo no acto no que estaba ata Touriño...
O alcalde de Vigo no momento de elaboración de listas manifestou a súa posición e se non estivo no acto é por problemas de axenda. É alcalde de 300.000 habitantes, presidente FEGAMP e estamos asistimos a nun momento delicado de traballo que é o nacemento da área metropolitana. As axendas existen e foi un problema de axenda.

Cambiando de tema... Que ofrece o PSdeG para a provincia de Pontevedra?
A provincia é moi diversa, e ofrecer para o Deza e para Vigo é moi diferente. Nós ofrecemos para Galicia. Ter políticas de emprego que sexan de claridade e salarios decentes. Ter unha recadación fiscal que garantice as pensións futuras. Isto non se fixo e non se está facendo. Quero lembrar os cursos de formación, o desmantelamento do servizo público de emprego ou a perda de postos de traballo. Hai menos diñeiro que se utiliza de forma discrecional e arbitraria. Nós insistimos en emprego, emprego e emprego, sobre todo, para que os que máis o necesitan, mozos e desempregados de longa duración.  E logo a provincia é diversa. No Deza, pois está os sector leiteiro e na comarca de Vigo, a industria, e en todos os sitios falamos de emprego. O importante é coñecer o país. Os tecnócratas contables non van facer políticas axeitadas á realidade do territorio, sexa Galicia ou sexa Letonia, porque teñen a cabeza noutra cousa.

Feijóo presume de que fixo moito en Vigo..... Hai obsesión con Vigo?
A Feijóo Vigo deulle as costas porque a discriminou de maneira intolerable nestas dúas lexislaturas. Podemos comezar polo hospital, de gobernar a área metropolitana pola porta de atrás, a quebra das caixas e seguir pola cidade da xustiza que estivo paralizada. Da discriminación do aeroporto e neste punto quero lembrar que é o paradigma das políticas da dereita e o único voo que había sen subvencións publicas era o Vigo-Paris de Air France e a Xunta subvencionou outro bo a París que acabou facendo que Air France cancelara o voo de Vigo. Por iso, hai que lembrarlle ao PP que os 7 concelleiros de 27 no consistorio vigués é o seu peor resultado.

Non cres que hai certa tendencia dalgúns grandes medios a  favorecelo?
Eu creo que hai unha estratexia clara por parte dalgún medio de conxelar a campaña. Eu creo que a dereita entende que unha campaña fortemente mobilizadora e nalgún medio é máis que evidente este obxectivo. Por certo, algún destes medios sae moi favorecido en termos de publicidade institucional e en termos de subvencións empresariais por parte do Goberno de Feijóo. A distorsión dese pretendido libre mercado do que falan algúns medios pero para os demais, pero non para eles.  a prexudica e por iso nalgún medio isto se fai moi evidente.

E a pesar de todo isto cres que vai perder o goberno da Xunta?
A onda de cambio e a percepción de cambio, a pesar desa tan cacareada recuperación, vai levar a que a dereita perda o goberno da Xunta. Si, o creo.

E quen será o presidente?
Eu estou seguro que Xoaquín por compromiso co país, por preparación e por traxectoria política. A preparación é fundamental para liderar o cambio.

Pero con el o sen el de presidente haberá un goberno de coalición?
Terá que haber un goberno alternativo á dereita.

Cal é a túa quiniela?
De números non vou falar se tamén cuestiono as enquisas. O que si digo é que o PP non vai ter maioría absoluta e o PSOE vai liderar ese cambio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Abel Caballero & Abel Losada = tahures da política (maestros da trampa e o engano!)

1 O enterrador de Castroforte

Como lles dean o sorpasso o domingo, quero ver donde se agochan estes...