Temas: TRADUCIóN

Marta Dahlgren reivindica a importancia das linguas minoritarias ao recibir o Premio Plácido Castro de Tradución

A escritora sueca recolleu en Cambados este galardón polo seu traballo coa obra Kallocaína, da tamén escandinava Karin Boye.

Por Galicia Confidencial | Cambados | 01/10/2016 | Actualizada ás 13:28

Comparte esta noticia

A escritora sueca de orixe e galega de adopción Marta Dahlgren Thorsell recibiu en Cambados o Premio Plácido Castro de tradución polo seu traballo coa obra Kallocaína, de Karin Boye. O galardón recolleuno este venres de mans da alcaldesa Fátima Alonso e da presidenta da Fundación, Susi Castro.

Marta Dahlgren, canda a escultura de Ramón Cabanillas en Cambados.
Marta Dahlgren, canda a escultura de Ramón Cabanillas en Cambados.

No acto participaron tamén os concelleiros de cultura de Vilagarcía e Cambados, Sonia Outón e Víctor Caamaño, Xavier Senín en nome do xurado desta décimo quinta edición e tamén da Asociación de Tradutores Galegos, Xaquín Chaves, autor da peza escultórica que simboliza o premio, Xulio Ríos, director do IGADI, así como numerosos veciños da localidade, familiares e amigos e amigas.

Marta Dahlgren, que traballa na Universidade de Vigo, agradeceu o apoio que sempre atopou en Galicia para levar adiante o seu afán tradutor e reivindicou a importancia das linguas minoritarias para garantir a propia viabilidade das sociedades democráticas. Igualmente, destacou o valor da obra premiada, Kallocaína, de Karin Boye, unha obra traducida ao galego que, segundo dixo, a impactou moito cando sendo moi nova leuna por primeira vez, e amosou a súa contrariedade polo mal momento que viven as humanidades.

O premio Plácido Castro de tradución, de periodicidade anual reivindica a dimensión tradutora de Plácido Castro, a trascendencia da tradución para o sistema literario e cultural, e recoñece o labor dos actuais tradutores e as súas obras.

Temas: TRADUCIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta