A científica da Misión Biolóxica de Galicia Carmen Martínez, na Selección Española da Ciencia 2016

A directora do Grupo de Viticultura desta sección do CSIC Galicia convértese na primeira investigadora do sector agrario que recibe este recoñecemento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2016 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

A directora do Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, Carmen Martínez, foi elixida para formar parte da Selección Española da Ciencia 2016 xunto a prestixiosos investigadores de diferentes áreas de coñecemento, o que a converte na primeira investigadora do sector agrario que recibe este recoñecemento.

Carmen Martínez, da Misión Biolóxica de Galicia
Carmen Martínez, da Misión Biolóxica de Galicia | Fonte: vinetur.com.

Carmen Martínez foi seleccionado pola súa pioneira labor de investigación na recuperación de variedades autóctonas de vide, no estudo da sensibilidade a enfermidades fúngicas, no comportamento en campo das plantas de vide multiplicadas por cultivo in vitro e do aproveitamento e posta en valor dos residuos vitivinícolas.

O CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) destaca que nos seus trinta anos de traxectoria profesional, Carmen Martínez "contribuíu a impulsar o sector vitivinícola dende o ámbito científico localizando, describindo e recuperando variedades de uva descoñecidas e en vías de extinción".

Así mesmo, tamén realizou estudos sobre a sensibilidade a enfermidades fúngicas das distintas viníferas e os seus mecanismos de defensa fronte a estes patóxenos, o comportamento en campo das plantas de vide obtidas mediante multiplicación in vitro ou o aproveitamento e posta en valor dos residuos vitivinícolas.

Carmen Martínez foi "pioneira na utilización de técnicas de ADN para a descrición de variedades autóctonas" e na selección de clons, como é o caso do Albariño. "Hoxe en día todo o mundo coñece o Albariño, pero cando comecei, en 1986, foi necesario recuperar os vellos exemplares que quedaban illados e dispersos por toda a xeografía galega, describir a variedade botanicamente e agronomicamente e realizar estudos sobre o seu nivel de resistencia ás distintas enfermidades que a atacan", explicou a investigadora.

Para a súa elección como membro da Selección Española da Ciencia 2016 pola recoñecida revista QUO tamén foi fundamental o papel da doutora Martínez na recuperación da "viticultura heroica" en Asturias, tras desenvolver un completo traballo de I+D+i.

Neste recoñecemento obtido pola científica tivo tamén especial importancia o seu estudo sobre as follas de vide e acios representados nos retablos barrocos de Galicia e Asturias, que permitiu determinar ao seu equipo a antigüidade do cultivo dalgunhas das principais variedades de vide en ambas as dúas comunidades autónomas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta