LUGO | 11/10/2016 | Actualizada ás 14:22 por EUROPA PRESS
A presidenta do PP de Lugo e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, cre que o conselleiro de Industria en funcións, o lucense Francisco Conde (que concorreu como cabeza de lista pola provincia), "continuará" no novo goberno que configure Alberto Núñez Feijóo nesta nova lexislatura.
Así o manifestou antes de presentar as festas de San Lucas de Mondoñedo, que se celebrarán entre o 15 ao 23 de outubro, e ao ser interpelada polos xornalistas sobre o peso do PP lucense nese novo executivo. "Supoño que Paco (Francisco Conde) continuará no goberno. Sería para nós unha boa noticia", asegurou.
En todo caso, a tamén voceiro do PP na deputación ten claro que o goberno que Feijoo deseñe "vai representar aos lucenses, á poboación de Ourense, da Coruña e de Pontevedra".
Un día despois das eleccións, o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse "orgulloso" do equipo que lle acompañou -remodelado en 2015- o cal, non en van, integrou as listas das eleccións autonómicas do pasado 25 de setembro.
Na formación popular non espera unha "revolución" no novo executivo, pero o propio mandatario autonómico advertiu dende o inicio que non decidira o deseño do seu executivo e aínda non transcenderon detalles, tendo en conta que Feijóo é partidario, segundo as súas propias palabras, de dar as aliñacións cando se vai saltar ao campo", é dicir, no último momento antes do xogo. Ademais, nin sequera está constituído o novo Parlamento de Galicia.
Deste xeito, o hermetismo presidente en funcións fai que os propios cargos populares sempre inclúan todas as reservas nos seus prognósticos, conscientes de que comunicará as súas decisións cando o considere oportuno.
XUNTA DE VOCEIROS
Noutra orde de cousas, este martes, Elena Candia apremou ao presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, para que convoque a xunta de voceiros e "empezar a estudar os presupostos do próximo ano".
Reparou en que "normalmente" as contas provinciais se aproban "avanzado o mes de outubro" e, de momento, "non" se produciu "ningún contacto" dun goberno en minoría que, para aprobar os presupostos deste ano, precisou dos votos populares -que son o grupo maioritario con 12 deputados-. O PSOE ten dez e o BNG, dous, aos que hai que sumar o deputado non adscrito, o exsocialista Manuel Martínez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.