Temas: BIOMASA

Protestas tamén contra a macroincineradora de biomasa en Curtis

A Federación Ecoloxista Galega oponse a súa instalación e presentou alegacións ao proceso ambiental aberto sinalando que a instalación incumpre a lexislación autonómica en vigor.

Por Galicia Confidencial | Curtis | 12/10/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente informaba fai unhas semanas sobre a avaliación de impacto ambiental dun novo macroproxecto de planta de xeración eléctrica a partir de biomasa. Trátase dunha central de 50 MW localizada no concello de Curtis que ten previsto a queima de 568.000 toneladas ao ano de biomasa.

Planta de  biomasa de Allarluz
Planta de biomasa de Allarluz | Fonte: GC

Pero non todos están de acordo con esta infraestrutura. A Federación Ecoloxista Galega (FEG) oponse a súa instalación e xa ten alegado no proceso administrativo aberto. Así, considera que o proceso de tramitación desta instalación “carece de soporte xurídico e non se pode desenvolver ao incumprir de xeito fragrante e evidente” a lexislación autonómica básica na materia, concretamente o Decreto 149/2008.

Esta normativa, que  regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria en Galicia, establece un límite máximo de 10 MW para cada proxecto de central, “o que claramente se incumpre cunha central de 50 MW”, segundo apunta FEG nun comunicado.

Por outra banda, esta entidade ecoloxista tamén alerta do feito de que as importantes cantidades de biomasa que precisaría a planta (568.000 toneladas/ano) precisarían do emprego de cultivos enerxéticos. “Así, a empresa non facilita datos sobre a dispoñibilidade e garantía de subministro, indicando que a biomasa vai ser recolleitada na provincia da Coruña, o que resulta cando menos sorprendente, xa que o concello de Curtis limita coa provincia de Lugo”, indica.

Este proxecto súmase a outros que están en tramitación administrativa e que están a provocar a mobilización e a oposición social. Así, na actualidade hai máis dunha ducia de macrocentrais de combustión de biomasa para producir electricidade que precisarían de enormes cantidades de biomasa forestal o que afectaría gravemente ao medio. Tamén a FEG oponse “de xeito rotundo” ás plantacións de cultivos enerxéticos ligadas aos distintos proxectos de plantas de biomasa para producir electricidade que se están tramitando en Galicia na actualidade.

Temas: BIOMASA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nestor Alfonso

Ya están estos contra el progreso, la creación de puestos de trabajo.