Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/10/2016 | Actualizada ás 17:20
O discurso da Xunta sobre a recuperación económica e o seu debuxo dunha Galicia ideal segue contrastando coa realidade precaria que viven miles de galegos. Unha das probas máis evidentes de que a realidade macroeconómica e a da xente seguen cursos distintos son os desafiuzamentos, que non cesan no país. Así, no primeiro trimestre deste ano executáronse 690 novos desafiuzamentos, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de acordo cos datos publicados polo Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Esta cifra só supón un descenso do 3,4% no balance global, respecto ao mesmo período do ano pasado, e malia que varias administracións locais e a propia Xunta se comprometeron a parar este drama.
Do total de desafiuzamentos, 238 producíronse como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, o que supón oito máis fronte aos 230 do mesmo período de 2015; e 421 como consecuencia da falta de pagamento de aluguer —procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU)—, menos que os 453 do ano pasado.
Os atribuídos a "outras causas" situáronse en ambos os períodos nun total de 31. Sobre o descenso do número de desafiuzamentos efectuados, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia remarca que se sitúan por encima da media estatal, onde se rexistrou un baixada de tan só un 1,9%. Con todo, as cifras son case insignificativas e mostran que este drama segue estando á orde do día en Galicia.
O número de execucións hipotecarias iniciadas —diferentes do lanzamento ou desafiuzamento, última fase do proceso-— entre o 1 de abril e o 30 de xuño descenderon con respecto ao ano pasado. Neste período, presentáronse 305 fronte ás 445 de 2015, o que supón un descenso interanual da 31,5% fronte ao 17,4% da media estatal, segundo o informe 'Efectos da crise económica nos órganos xudiciais'.
AUMENTO DE CONCURSOS
Por outra banda, aumenta o número de concursos presentados nos xulgados galegos, "rompendo, desta maneira, unha tendencia iniciada en 2013, un 9,4% interanual". Fronte aos 85 que se rexistraron no segundo semestre de 2015, pasouse a 93
Neste capítulo, segundo precisa o TSXG, débese ter en conta que, en virtude do cambio introducido pola modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor en outubro do ano pasado, a competencia para os concursos das persoas naturais non empresarios pasou a corresponder aos xulgados de primeira instancia e instrución. Por iso, para o cálculo da evolución interanual dos concursos tívose en conta a suma dos concursos presentados nestes órganos xudiciais, seis no segundo trimestre de 2016, e os 87 presentados nos xulgados do mercantil.
DEMANDAS DE DESPEDIMENTO
Respecto da Lei Concursal relativa á modificación das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE), en Galicia rexistráronse no primeiro trimestre do ano nove fronte aos 17 do mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 50%.
Así mesmo, o TSXG sinala que as 1.374 demandas por despedimento presentadas nos xulgados do social entre o 1 de abril e o 30 de xuño supoñen un descenso interanual da 9,7% fronte ao 2,1% de baixada na media estatal.
O informe sinala tamén que continúa o descenso dos procedementos monitorios presentados no segundo trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia, precisa o alto tribunal galego, presentáronse 8.037 neste período, fronte ás 9.050 do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 11,2%
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.