Galicia en Delhi: estado mental, estado emocional

O profesor Rei-Doval continúa a súa viaxe pola India. Desta volta fala da súa experiencia na Indira Gandhi National Open University e do Centro Cervantes en Nova Delhi. As súas crónicas en #cartasmarcopolo.

Por Galicia Confidencial | India | 24/10/2016 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Xoves 13 de outubro foi día de prédicas, sobre todo propias, na Indira Gandhi National Open University de Nova Delhi, mais tamén alleas, no Instituto Cervantes da capital india. Desta volta non tocaba falar da lingua proletaria do meu pobo, mais ás veces resulta difícil dar disimulado as paixóns, mesmo en formato académico. O profesor Vikash Singh, en nome da School of Foreign Languages da IGNOU, convidárame a inaugura-las conferencias de lingua e lingüística españolas da súa institución, e decidín asistir a aquel espectacular plató estilo Bollywood tentando adapta-la miña experiencia docente en lingüística hispánica ó formato académico indio. Posto a explicar como o latín deveu romance, como obviar que foi aquel antigo galego quen deu orixe ó portugués e non viceversa, e como non salientar que Europa comezou a se soñar e o multilingüismo a se compartir ó longo daquel medieval Camiño de Santiago? El haberá alguén máis capacitado ca un docente galego para explicar a un pícaro indio como Iberia e a súa herdeira España sempre foron multilingües? O profesor Shyama Prasad Ganguly lembrábame despois o paradoxo da identidade plurilingüística e multicultural india se proxectar cara e desde o mundo de xeito británico anglosaxón. Mais ningún país está exento de contradicións, como lle dixen ó sabio profesor Ganguly, tampouco a España post-78 que se abanea adoito entre a inclusividade constitucional plurilingüe e mailas restritivas interpretacións do monolingüismo carpetovetónico madrileño.

Rei-Doval con membros da  Indira Gandhi National Open University
Rei-Doval con membros da Indira Gandhi National Open University

Claro que non tivemos ocasión de entrar en tantas profundidades, matices nin detalles, mais a gravación bollywoodense na IGNOU deume ideas novas for para contar nunha desexable visita futura a Delhi for para compartir coa Foundation for Endangered Languages en Hyderabad nunhas poucas semanas.

As prédicas déronme pé tamén para amosar como o contemporáneo imperio estadounidense considera erroneamente estranxeiro (e.g. o español) o que non é inglés-falante. Quen mellor, de novo, ca un galego para salienta-la amnesia do Tío Sam con todo o que precedeu a chegada do Mayflower... como se outro imperio igualmente implacable coma o español non se lles adiantase cronoloxicamente na Florida. Claro que á hora de exterminar indios os españois, for por relixión for por ineficacia nunca deu o inigualable nivel do imperio que sempre contraataca. Mais ningún imperio debería subestima-la forza da empatía humilde que os galaicos poden transmitir, sexa en Newark, en Cape Town... ou mesmo en contexto hindi.

Para outra ocasión deberán queda-las comparanzas entre a estandarización hindi e maila galega, imperio arriba imperio abaixo, e tamén a procura de estratexias eficaces para ensinar linguas minorizadas. Desta volta aprender cos mestres indios os rudimentos da xeoculturalidade diversa abondou para esta primeira visita do marcopolo mugardés a Delhi.

Con todo, inda houbo tempo para visita-la representación do imperio onde nunca outrora se poñía o sol na populosa capital india. Asuntos xiratorios escuros levaron a que ese imperio do sol sempiterno ande desembaixado por aqueles lares, mais iso non impediu asistir en vivo e en directo a un caso práctico da proxección desa marca España que aperta a unidade desde a diversidade en versión institucional cervantina. A escusa era celebra-la presentación da primeira tradución de Gabriela Mistral ó bengalí, paradoxalmente executada sen unha palabra en bengalí nin en español, nin sequera nas deliciosas versións musicadas da música de chilenos igualmente destacados como Violeta Parra ou Víctor Jara con que rematou o acto.

Rei-Doval participa nun programa televisivo na India
Rei-Doval participa nun programa televisivo na India

Oxalá o cervantino Instituto sexa igualmente xeneroso na presentación da versión hindi da poesía rosaliana que está a preparar o profesor Vikash Singh desde Delhi. Quen máis universal e merecente de ser celebrada na capital india ca Rosalía, mesmo se o acto non poderá servir tamén para confraternizar co embaixador galego na capital india. A marca España -igual que a "marca Portugal"- farían ben en modula-la súa identidade e o seu pasado coa achega dunha ponte identitaria, cultural e lingüística tan eficaz coma Galicia e a nosa lingua. Porque, como dixen noutra ocasión, Galicia é tanto un state of mind coma un state of heart. Nas Iberias, en Wisconsin, e mesmo en Nova Delhi.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta