“A fisioterapia xoga un papel central no tratamento e prevención da dor”

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia alerta de que máis de dez millóns de españois sofren dores habituais, que son a causa máis frecuente pola que os pacientes acoden a consultas de Atención Primaria.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/10/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A dor, en todas as súas manifestacións, é a causa máis común de sufrimento, de incapacidade e de deterioración da calidade de vida. É por iso que constitúe tamén un dos principais motivos polos que a poboación acode a especialistas como os fisioterapeutas. "A evidencia científica certifica que a fisioterapia xoga un papel central no tratamento e prevención da discapacidade crónica relacionada coa dor", explican dende CoFiGa, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Un fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia
Un fisioterapeuta nunha sesión de fisioterapia | Fonte: acostat.es

A fisioterapia dispón dunha ampla gama de técnicas para utilizar fronte ás enfermidades que producen dores en todas as súas manifestacións (osteoartrite, fibromialxia, dor de cabeza cervicoxénico, artrite reumatoide, dor producida polo atrapamiento dun nervio ou a súa lesión…). Unha vez identificadas as causas que provocan as dores, "o fisioterapeuta contribúe á súa eliminación ou redución por medio de diversos tratamentos fisioterapéuticos (reeducación postural, electroanalxesia, termoterapia, terapia manual, masoterapia, exercicio terapéutico, frío, calor…), que se personalizan e adaptan a cada paciente, en función da súa idade e estado físico, ata lograr a diminución ou eliminación da dor", describe CoFiGa.

Cando a situación se cronifica ou se complica excesivamente, afectando a calidade de vida e funcionamentos do paciente, este debe recibir o tratamento especializado polas Unidades da Dor, "das que debe formar parte o fisioterapeuta de acordo ao establecido nos estándares de calidade do Ministerio de Sanidade", avisan os fisioterapeutas galegos.

Definida como "a prescrición de movemento corporal para corrixir unha deterioración, mellorar a función músculo-esquelética ou manter un estado de benestar...", e tendo en conta que a análise e tratamento de problemas do movemento e a funcionalidade é un dos principais obxectivos e competencias da práctica da fisioterapia, "o exercicio terapéutico constitúe unha excelente ferramenta clínica dos fisioterapeutas para a abordaxe da dor en todas as súas manifestacións", apuntan dende CoFiGa.

"A fisioterapia, a través da prescrición do exercicio terapéutico, contribúe de maneira efectiva na prevención e o tratamento da dor en todas as súas manifestacións e na abordaxe de enfermidades cardíacas e accidentes cerebrovasculares, diabetes, artrites, traumatismos, enfermidades respiratorias crónicas…, servíndose para iso de programas de exercicio terapéutico seguros, adaptados a cada caso, e con recomendacións apropiadas", comentan os colexiados galegos.

CALIDADE DE VIDA

O crecente aumento da investigación científica neste campo avala a efectividade e beneficios do exercicio dentro do proceso terapéutico da dor, beneficios que non só se limitan á esfera física, senón tamén a nivel fisiológico, cognitivo e funcional.

"A transcendencia da dor vai máis aló dos aspectos físicos que desencadea. Trátase dun problema sanitario importante cunhas consecuencias que minguan considerablemente a calidade de vida de quen a padece, o que sen dúbida inflúe de forma negativa na súa contorna social, laboral e nas súas relacións persoais", explican os expertos.

Ademais, a dor, e sobre todo a súa mal abordaxe, tamén provoca consecuencias económicas importantes. "De feito, estímase que o seu custo é de ao redor dun 3% do PIB en Europa, tanto polos custos tanto directos (recursos humanos, custo de materiais e técnicas, camas hospitalarias, gasto farmacolóxico, etc.), como indirectos (absentismo laboral, baixas, diminución da produtividade do paciente que sofre dor, pensións, indemnizacións, etc.) relacionados coa dor", apuntan dende CoFiGa.

AS CIFRAS DA DOR

En España, dez millóns de españois sofren dores habituais. Máis da metade da poboación, o 54.9%, padeceu dor nos últimos meses. E se incluímos neste apartado cefaleas, dores postoperatorias e oncolóxicas, esta porcentaxe elévase ao 61,5%.

Entre un 40% e un 80% das consultas médicas están relacionadas con dor, que é a causa máis frecuente pola que os pacientes acoden a consultas de Atención Primaria.

Ademais, a dor é o principal síntoma no 42,8% dos pacientes que ingresan por urxencias.

Por tipos de poboación, as mulleres sófreno máis que os homes: do 52 ao 66% do total. E os maiores de 60 anos son os que máis dor sofren, non baixando a porcentaxe a menos do 50% en calquera franxa de idade.

O tempo medio de duración da dor crónica é de 9,1 anos. E o 35% dos pacientes vive sufrindo dor durante toda a súa vida.

Por último, segundo datos aportados por CoFiGa, Máis da metade dos pacientes, o 58%, cre que o tratamento para a dor que segue é inadecuado e que sería posible mellorar a súa efectividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta