As universidades de Santiago e California estudan a utilidade dos móbiles na inclusión social de mulleres

O estudo, dirixido por Yolanda García, levarase a cabo en 25 desempregadas de longa duración de oito concellos galegos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/10/2016 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

En colaboración coa School of Social Welfare da Universidade estadounidense de California (UCBerkeley) onde se atopa traballando cunha bolsa posdoutoral, a investigadora do grupo Gist-Idega da Universidade de Santiago (USC) Yolanda García acaba de pór en marcha unha investigación experimental sobre o uso dos teléfonos móbiles como instrumentos de inclusión social de mulleres desempregadas de longa duración

Unha muller cun teléfono móbil
Unha muller cun teléfono móbil | Fonte: USC.

Para o traballo, a investigadora galega coordina un grupo interdisciplinar no que participan xeógrafos, enxeñeiros informáticos, traballadores sociais e psicólogos, que coa información acadada pretenden abrir unha reflexión sobre as vantaxes e limitacións deses instrumentos tecnolóxicos para as terapias psicosociais. 

Os móbiles permiten superar os obstáculos de comunicación e con eles “podemos dar respostas inmediatas de atención psicoterapéutica a calquera persoa en calquera lugar, pero tamén a persoas con problemas sociais, de saúde mental, física u outras”, explica a investigadora. Ademais, apunta como outra virtude a diminución de custes ao reducírense os desprazamentos para a tradicional asistencia ‘cara a cara’ cos médicos, psicólogos e traballadores sociais. De feito, o equipo está desenvolvendo xa aplicacións informáticas automáticas que abaraten esa atención aos servizos públicos sociais.

Mais a pesares destas vantaxes, Yolanda García e os profesores A. Aguilera (Universidade de California), Carlos Ferrás (USC) e A. Rocha (Universidade de Coimbra) comprobaron recentemente a escaseza de investigacións con persoas vulnerables, coa particular excepción dos estudos desenvolvidos en Estados Unidos, onde a utilización destas tecnoloxías ten lugar no ámbito do traballo social e non só no da psicoloxía clínica.

25 CASOS A ESTUDO

Precisamente será unha metodoloxía e tecnoloxía aplicada na Badía de San Francisco (Estados Unidos) coa que traballe o equipo no estudo empírico que agora comeza cun grupo de 25 mulleres vulnerables en Galicia que foron seleccionadas aleatoriamente nun proceso complexo aprobado polos Comités de Bioética da UCBerkeley e da USC. Na investigación colaboran tamén a Consellaría de Familia e Benestar Social e os servizos sociais dos concellos de Brión, Ames, Teo, Rois, Santa Comba, Ordes, Cerceda e Padrón, aos que pertencen as mulleres.  

O estudo parte de análises de datos cuantitativos e cualitativos cos que se deseña unha terapia biosicosocial que se traduce nun envío sistemático de mensaxes ao teléfono cunha frecuencia e intensidade concreta. E xa hai resultados. “A investigación en marcha estanos demostrando a importancia do acompañamento e consello diario para a modificación da conduta”, explica García.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta