Temas: ASTRONOMíA

Á caza dun posible meteorito en Galicia

Vigo, Oroso, Taboada, Allariz son algunhas das zonas nas que parece que houbo avistamentos dun corpo luminoso cruzando o ceo, segundo explica Emerxencias 112. Nas redes sociais hai constancia de avistamentos en todo o norte da Península. O Observatorio da USC di que puido ser un bólido de materia cósmica. A Garda Civil tamén investiga o acontecido.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2016 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia atendeu nas últimas horas varias chamadas de persoas particulares que informaban da presenza dun corpo incandescente no ceo.

En concreto, o CAE 112 Galicia recibiu os primeiros avisos sobre as 20,00 horas do xoves dende varios puntos da xeografía galega, como Vigo, Oroso (A Coruña), Taboada (Lugo) ou Allariz (Ourense).

Na localidade ourensana de Allariz, Protección Civil explicou ao 112 Galicia que foron varios veciños os que aseguraron ver o suposto meteorito.

Mentres, no caso concreto do municipio de Taboada unha muller aseguroulle ao 112 Galicia que vira caer un corpo incandescente nun prado da zona. Os veciños estiveron buscando pola noite o meteorito. Nas redes sociais varios internautas da cornisa cantábrica subiron imaxes dun corpo incandescente durante o último solpor. Os avistamentos parece que se produciron polo menos en Euskadi, Asturias e Galicia.

INSPECCIÓNS

Non obstante, o Centro de Atención ás Emerxencias asegura que "non ten constancia" de que os corpos mobilizados atoparan os restos dese "posible meteorito".

Con todo, está previsto que as forzas da orde volvan na mañá deste venres a inspeccionar a zona "na busca dalgún indicio", segundo aseguran as mesmas fontes.

POSIBLE BÓLIDO DE MATERIA CÓSMICA

José Ángel Docobo, profesor e investigador do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago  explicou que o obxecto incandescente observado no ceo dende varios puntos de Galicia "ten pinta de ser un bólido" de materia "cósmica".

Docobo comentou que sobre as 19,40 horas do xoves "pasou un bólido" polo ceo de Galicia, que tamén "se viu en León e Cantabria", polo que considera que "non caeu en Galicia".

Neste sentido, explicou que se trata dunha cuestión de percepción, xa que "a xente ten a sensación de que cae preto" cando é un mero resto que deixa un "ronsel de fume".

Por iso, apuntou que a entrada dunha "pedra cósmica" na atmosfera como sucedeu na xornada do xoves "habitual non é", pero "tampouco é raro".

Así, recordou que o pasado 17 de maio investigaron "outro bólido diúrno" ao sur de Galicia. "Tamén fixo explosión ao final e quedou un ronsel de fume ao termo, como o de onte (xoves)", relatou Docobo.

Por todo iso, puntualizou que "na maioría dos casos son materiais cósmicos" os obxectos incandescentes avistados no ceo, ao que engadiu que nalgunhas ocasións se pode tratar de "reentradas de material especial".

Con todo, insistiu que o fenómeno avistado dende puntos das catro provincias galegas o xoves "case seguro" correspondía a un "obxecto natural" polas características presentadas.

PESQUISAS DA GARDA CIVIL

Mentres, a Garda Civil non achou "ningún rastro dun meteorito" na parroquia de Toldaos, no municipio de Taboada (Lugo), segundo informaron fontes do Instituto Armado. Unha patrulla inspeccionou na mañá deste venres a zona sen atopar "ningún rastro que faga indicar a presenza dun meteorito", dixeron as mesmas fontes.

Foi sobre as 20,15 horas deste xoves cando se recibiu un aviso a través do 112 Galicia e, comparecidos no lugar, advertiuse a presenza de "fume", que vinculan os investigadores coa intensa néboa.

Pola súa banda, o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, precisou que foi unha veciña de Toldaos a que comunicou que avistara "unha luz que se esvaía e que caía preto dun terreo ao lado da súa casa".

É entón, segundo relata Moure, cando a muller alertou o 112 e, xa coa presenza da Garda Civil na parroquia, "como era de noite non localizaron nada". "Había na zona fume, como uns gases que atacaban á respiración", puntualizou.

O rexedor sinalou que se deixou para este venres o rastrexo. A Garda Civil subliñou que non se observou "ningún vestixio" da presenza de ningún meteorito despois de que regresase ao lugar unha patrulla ao longo da mañá.

Temas: ASTRONOMíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 copernico

Non busquen o normal e que eses corpos ardan nas capas altas da atmosfera soen ser de tamaño moi pequeño a pesar da cola que deixan atrás, o mellor do tamaño dunha pequeña pedriña de nada... un-ha área ...