Temas: IMAXE

Todo listo para o encontro dos ilustradores galegos

'Bambinomonkey' e Xosé Vizoso protagonizan a reunión da sociación Galega de Profesionais da ilustración (AGPI).

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 28/10/2016 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Profesionais da ilustración (AGPI) celebra este sábado, día 29 de outubro, no CGAC (Rúa de Valle-Inclán 2, Santiago de Compostela) o XIII Encontro Galego de Ilustración, un evento de referencia para os creadores gráficos e para os profesionais da ilustración do país, que este ano estará protagonizado polo madrileño Ignacio Maroto Bambinomonkey —que compartirá as súas experiencias como deseñador de personaxes para o mercado internacional da animación e da publicidade— e polo mindoniense Xosé Vizoso —un dos deseñadores máis representativos de Sargadelos, que fará un percorrido pola súa traxectoria como ilustrador, cartelista e deseñador; o Museo Provincial de Lugo acolle actualmente unha exposición retrospectiva dos seus carteis—. A asistencia a ambas as dúas charlas, a partir das 11:00 da mañá, é libre e gratuíta.

Xosé Vizoso
Xosé Vizoso | Fonte: edu.xunta.es

Desde 2004, a AGPI celebra o último sábado de outubro en Compostela o Encontro Galego de Ilustración, un evento que convida todos o anos a destacados ilustradores e ilustradoras galegos e estatais a amosar o seu traballo e a reflexionar sobre o presente e o futuro da ilustración. O Encontro quere, ademais de reunir a comunidade galega do sector, dar visibilidade á ilustración como importante activo da cultura, da creación e da comunicación contemporánea. Segundo asegura a AGPI: «a ilustración galega ten cada vez máis recoñecemento e proxección internacional», aínda que «hai moito traballo que facer para que o sector acade ese mesmo recoñecemento profesional e cultural no propio país». Para conseguilo, «é imprescindible artellar liñas de traballo en común, potenciar o asociacionismo e fomentar as boas prácticas profesionais». 

Entre os proxectos recentes da AGPI para apoiar a profesión destaca a Guía Ninja do Ilustrador, un «manual de supervivencia» para creativos freelance que se pode descargar gratuitamente na web guianinjadoilustrador.org e que superou as 10.000 descargas en apenas dous meses. No Encontro poderán adquirirse exemplares en papel da Guía Ninja e outras publicacións útiles para o profesionais e estudantes de ilustración.

O programa

11:20 Charla de Ignacio F. Maroto BambinoMonkey (Madrid, 1979), ilustrador e director de arte especializado en deseño de personaxes. Estudou ilustración na Escuela Número Diez de Madrid. Deu os seus primeiros pasos profesionais como caricaturista en eventos e debuxando BD para a editorial Megamultimedia. Leva 15 anos traballando no mundo da animación e a publicidade, primeiro en Zinkia Entertainment, e despois como freelance para numerosas empresas do sector (Turner/Cartoon Network España, Canal +, Santillana…). Estudios norteamericanos como Psyop, Blind ou Elastic contan habitualmente cos seus servizos de concept designer cunha marcada estética cartoon. Recentemente colaborou con Sony Animation nunha das súas próximas longametraxes. Maroto amosará os seus proxectos e procesos creativos e fará unha pequena demostración de traballo con ferramentas de pintura dixital. 

13:00 Charla de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), artista con múltiples talentos: debuxante, escultor, ilustrador, ceramista, grafista... Vizoso é o deseñador máis representativo de Sargadelos, empresa na que traballou máis de 40 anos. Alí produciu —primeiro baixo a tutela de Isaac Díaz Pardo e despois coa súa propia voz creativa— infinidade de figuras, obxectos, vaixelas, pezas conmemorativas, murais e proxectos gráficos para a marca. Paralelamente, Vizoso conta cunha gran produción como deseñador e ilustrador de libros (máis de 60 títulos), ademais de ser un prolífico debuxante, caricaturista e cartelista. É paradoxal que o nome de Vizoso sexa pouco coñecido cando a súa obra ten unha forte presenza no imaxinario galego das últimas décadas. Nesta cita co autor mindoniense descubriremos as distintas facetas do seu traballo, sempre caracterizado pola profunda raizame na identidade e a cultura galega.

A organización

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración agrupa ilustradores e ilustradoras interesados na defensa común dos seus dereitos e intereses profesionais. Actualmente AGPI aglutina máis de 120 ilustradores e ilustradoras de distintas xeracións e de todas as áreas da creación visual aplicada. AGPI forma parte da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia, e que á súa vez é parte do European Illustrators Forum (EIF), que aglutina asociacións de ilustradores de toda Europa. 

Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta