Galicia non consegue reducir o número de familias e empresas en quebra

O número de afectados por concursos de acredores mantense invariable no noso país, mentres descende un 17,4% de media en España.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/11/2016 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

As familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagamentos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagamentos e débedas en Galicia foron un total de 58 durante o terceiro trimestre deste ano, o que supón a mesma cifra que no mesmo período de 2015. Deste xeito, Galicia é unha das seis autonomías nas que non descenderon os concursos, mentres a media estatal diminúe un 17,4%, segundo a Estatística de Procedemento Concursal do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada este luns. Con todo, non aumenta o número de debedores concursados en Galicia, tal e como aconteceu no segundo trimestre deste ano de forma interanual.

Protesta dos traballadores da empresa de limpeza Linorsa, que entrou en concurso de acredores
Protesta dos traballadores da empresa de limpeza Linorsa, que entrou en concurso de acredores | Fonte: CIG

O maior aumento prodúcese en Aragón (+15,2%), seguida de Castilla e León (+13%), Madrid (+6,1%), Castilla-La Mancha (3,7%) e La Rioja, ao igual que a Comunidade galega, se mantén invariable. No outro extremo, a maior caída interanual prodúcese en Asturias ( -83%).

TIPOLOXÍA

Por tipo de concurso, a maioría (52 de 58) só seis foron de carácter voluntario en Galicia. Por clase de procedemento, 54 seguiron o abreviado e catro o ordinario. En todos os casos houbo existencia de proposta anticipada.

En canto á natureza xurídica, 12 persoas físicas sen actividade empresarial entraron en quebra, fronte a un total de 46 empresas —34 sociedades de responsabilidade limitada, seis sociedades anónimas, tres persoas físicas ou outras tres doutro tipo—.

Por actividade económica en Galicia, desas 46 sinaturas en quebra, o grupo ao que corresponde unha cifra maior é o comercio ao por maior (12), seguido da construción (11), industria (6), hostalaría (3), actividades profesionais (3), inmobiliarias financeiras (1), transporte (1). Tamén tres en resto de servizos e seis en tipoloxía sen clasificar.

Respecto ao tramo de asalariados, 11 das 46 empresas quebradas tiñan un ou dous empregados. Oito delas sen ningún asalariado e oito tamén entre tres e cinco. O resto de sinaturas tiñan máis de cinco empregados.

DATOS ESTATAIS

En España, as familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagamentos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagamentos e débedas baixaron un 17,4% no terceiro trimestre do ano en relación ao mesmo período de 2015, ata sumar 995, segundo a Estatística de Procedemento Concursal do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada este luns.

En concreto, as familias que se declararon en concurso de acredores ascenderon a 130, o que supón un descenso do 3% respecto ao mesmo trimestre de 2015, mentres que as empresas concursadas baixaron un 19,2%, ata sumar 865 procedementos de quebra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta