Cada mes morren en Galicia 300 persoas a causa do tabaco

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidade de Santiago de Compostela dá cinco motivos para deixar de fumar, co gallo do Día Internacional do Cancro de Pulmón.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/11/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

No Día Internacional do Cancro de Pulmón, a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC lembra que aínda que moitas persoas deixaron o tabaco nestes últimos anos aínda hai un 25% da poboación que fuma diariamente. Apunta, ademais, outro dato: en España case 60.000 persoas morren prematuramente cada ano por fumar; en Galicia, cada mes morren 300 por esta causa. 

Fumar é a principal causa de mortalidade evitable.
Fumar é a principal causa de mortalidade evitable.

Para animar a deixar o hábito, este servizo universitario sinala cinco motivos básicos: a saúde, o diñeiro (un fumador dun paquete diario de tabaco pode aforrar en dez anos 15.000 euros), a familia e as amizades, o autocontrol, e o benestar psicolóxico e a satisfacción persoal. 

SERVIZOS NA USC

A unidade de especialistas da USC ofrece varios tipos de tratamentos, realizados individualmente ou en grupo. Entre eles, o programa para deixar de fumar en poucas semanas e con pouco esforzo, o dirixido a persoas ás que lles preocupa o aumento de peso ao deixalo ou o destinado a quen teña graves problemas de saúde física causados polo consumo de tabaco e que precisan unha intervención intensiva, entre outros.

Ademais, a Unidade de Tabaquismo conta cun programa para deixar de fumar por correo que se pode seguir comodamente desde casa e outro para facelo por internet.

As persoas interesadas poden dirixirse á Unidade que dirixe o catedrático Elisardo Becoña a través dos teléfonos 881 813939 e 881 813861 ou a través do seu web.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta