"A multa pola depuradora de Santiago é culpa de Agustín Hernández"

Os socialistas acusan ao exconselleiro e líder da oposición en Compostela de ser o responsable da sanción europea a Santiago pola falta de tratamento das augas ao cambiar a ubicación da EDAR

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/11/2016 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O concelleiro socialista Gonzalo Muíños responsabilizou ao voceiro do PP, Agustín Hernández, ex conselleiro de Infraestruturas e alcalde de Santiago en 2014 e 2015, de provocar os retrasos da EDAR, que veñen de ser obxecto da multa proposta pola Comisión Europea por falta de tratamento dos residuos líquidos. Muíños lembrou que unha obra que tiña que estar licitada a finais de 2011, a día de hoxe aínda non o está, e xa se perderon os fondos ata 2014. "Agora, ademais desta sanción, estamos con serias posibilidades de perder tamén os de 2020", asegurou o edil, que acusou a Hernández de "irresponsable" por este retraso producido polo cambio de ubicación.

Agustín Hernández , alcalde de Santiago, nun evento organizado por El Correo Gallego
Agustín Hernández , alcalde de Santiago, nun evento organizado por El Correo Gallego

A multa proposta pola Comisión Europea supón un importante varapalo para a cidade que, malia que non terá que facer fronte ao importe da mesma -debe pagala o Estado-, "a ver se non nola cobran deducindo algunha cousa". Como destacou o concelleiro socialista Gonzalo Muíños, estamos ante unha noticia que destrúe a imaxe de Santiago como cidade ecolóxica e confirma unha dos peores augurios deste grupo municipal, que xa advertira de que a cidade tiña "a espada de Damocles" enriba ante a posibilidade de recibir unha sanción.

Muíños acusou a Agustín Hernández de paralizar esta actuación, que tiña que estar licitada a finais de 2011 e que, a día de hoxe, segue igual. O edil lembrou que a decisión do PP, no goberno entón no Concello e con Hernández ao fronte da Consellería de Infraestruturas, de cambiar a ubicación prevista na Silvouta para o Souto -duplicando o seu custo, por certo, e cunha tecnoloxía, a de fangos, de peor calidade que a de membranas da Silvouta-, provocou esta situación de parálise, agora obxecto dunha sanción comunitaria.

Os socialistas advirten que ademais de perder os fondos europeos de 2014 e de recibir agora esta proposta de sanción, a falta de tratamento dos residuos líquidos en Santiago pode facer perder tamén os fondos que teñen de prazo o ano 2020. A este respecto, Gonzalo Muíños alertou das consecuencias que pode ter iso, xa que "vai repercutir nos bolsillos de todos e cada un dos veciños e veciñas da cidade".

O edil destacou que os socialistas levan pedindo o estudo de impacto e o proxecto do O Souto dende hai moito tempo (e nas diferentes administracións), sen que ata o momento foran entregados. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Construir depuradoras é negocio, pero mantelas en bo estado e depurando en concidións, semella que os nosos técnicos non saben canto cagan os cidadáns? As depuradoras de Cangas, Baiona, Vigo, Redondela... e supoño que case todas as do país están BOTANDO POR FÓRA!!! Non me estraña que a UE queira saber onde metemos os cartos ??? A máis da nulidade que amosan os técnicos nestes proxectos MEGALÓMANOS !!! https://flic.kr/p/N12jZi