Os fisioterapeutas galegos aconsellan cambiar de zapatos e altura de tacón todos os días

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) fai un chamamento ás mulleres para evitar lesións polo uso inadecuado de calzado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/11/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Dado que as mulleres sofren ata catro veces máis lesións e problemas nos pés que os homes, debido fundamentalmente ao uso continuado de tacóns no calzado, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) recomenda cambiar de zapatos e altura de tacón todos os días, para evitar así desenvolver lesións. Faino así no seu videoconsello de novembro, dentro da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”, unha iniciativa dos fisioterapeutas de Galicia para previr problemas de saúde.

O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia alerta dos riscos de levar tacóns
O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia alerta dos riscos de levar tacóns | Fonte: CoFiGa.

"O uso continuado de tacóns no calzado pode causar unha variedade de lesións e desequilibrios na postura, ademais doutras patoloxías, como artrose ou artrite nos xeonllos, afeccións de nervios, tendinite, xoanetes, dedos en martelo, metatarsalxia ou predisposición a lesións de nocello como esquinces ou fracturas, entre outros", advirten os fisioterapeutas. Ademais, "pode provocar un acurtamento da musculatura posterior da perna, é dicir dos xemelgos, así como tendinopatias aquileas", ao que hai que sumar unha "alteración da marcha normal que pode conlevar posibles patoloxías en xeonllos, cadeiras e costas", din.

Para previr estas lesións, os fisioterapeutas recomendan que a altura do tacón non supere os 5 cm e que, no caso de usar plataformas, se elixan aquelas que teñan certa capacidade de amortiguación e unha altura con respecto ao tacón que non supere os 3 centímetros.

Para as mulleres que non estean afeitas a usar tacóns e o fagan de forma ocasional, aconsellan elixir un tacón de base ancha, xa que reparte mellor o peso, con algo de plataforma e de non máis de 3 cm de alto.

Ademais do tipo de calzado que utilizamos, tamén a pisada que realizamos pode repercutir na nosa saúde. "Para comprobar se estamos a pisar inadecuadamente podemos fixarnos no desgaste do tecido do noso calzado: se o desgaste do pé dereito e o do esquerdo non son simétricos, debemos consultar a un fisioterapeuta, un podólogo ou un técnico ortopeda, xa que se non se corrixe pode xerarnos problemas de xeonllos, pelvis ou costas", aconsellan os expertos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta