Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2016 | Actualizada ás 20:07
A poeta Olalla Cociña Lozano resultou gañadora do XIV Premio de Poesía Afundación co seu poemario 'Tillandsia'. Ademais dun premio económico de 6.000 euros, a obra será publicada na colección 'Arte-trobar'.
A resolución do xurado deuse a coñecer na tarde deste luns na sede de Afundación de Santiago de Compostela, resultando elixida a obra titulada 'Vestir a noite', como vencedora "por unanimidade" grazas á súa achega "dinámica e refrescante" á lírica galega.
O xurado, presidido por Luís González Tosar, eloxiou a obra de Olalla Cociña, "unha proposta ben articulada e consciente da súa macroestrutura", con "grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos".
Olalla Cociña, nacida en Viveiro (Lugo) en 1979, é xornalista e escritora, conta con varias publicacións e participou en diferentes obras colectivas. Este premio súmase a outros recoñecementos obtidos pola poetisa nos últimos anos, como o premio 'O Facho' ou o segundo lugar no certame literario da Asociación Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), entre outros.
O presidente do xurado resaltou o "alto nivel" dos 33 poemarios presentados ao certame, ao tempo que invitou a que a edición do próximo ano "sexa especial" ao tratarse da décima.
"ACHEGAR AO MUNDO DA PALABRA"
Deste modo, o tamén presidente do PEN Clube Galicia, entidade colaboradora do certame xunto a Afundación e a secretaría xeral de Cultura da Xunta, chamou a dar "continuidade" e dotar de "maior tiraxe" a publicación gañadora do próximo ano dun premio co obxectivo de "achegar algo ao mundo da poesía e a palabra".
Pola súa banda, o director xeral de Afundación, Pedro Otero, destacou que este certame é "unha mostra de colaboración entre institucións", así como "un xeito de seguir facendo cousas por Galicia, a súa literatura e a poesía".
Na resolución do xurado tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, quen celebrou a "boa noticia" que supón a supervivencia ano tras ano deste premio e a publicación posterior do gañador na colección 'Arte-trobar', unha antoloxía que "xa ten un sitio na historia da literatura galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.