Denuncian que a Xunta paga un concurso no que o galego está ausente e a SXPL négao

ProLingua recórdalle ao secretario xeral de Política Lingüística que o seu departamento ten como función a normalización da lingua galega. Valentín García nega “rotundamente” ningunha axuda de Cultura e do seu departamento ao premio da Orden del Camino.

Por Galicia Confidencial | | 07/12/2016 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) asinou un convenio coa Orden del Camino de Santiago para custear un premio de 12.000 € máis a edición dun libro nun certame anual de novela de temática xacobea. Un premio no que o galego só será optativo, polo que poderá resultar gañadora dun premio dotado con cartos para o galego unha novela en castelán.

Membros da Orden del Camino de Santiago
Membros da Orden del Camino de Santiago | Fonte: wikipedia

Esta foi a denuncia que fixo este mércores Prolingua e que o departamento que dirixe Valentín García negou “rotundamente”. “Nin a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística subvencionan con ningunha cantidade económica o Premio de Novela Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea – Fundación Orde do Camiño de Santiago”, apuntou nun comunicado.

Ademais, este departamento salientou que a dotación económica do premio é achegada “integramente” pola fundación a través dos seus propios medios ou por convenios que realicen con outras entidades non pertencentes á Xunta de Galicia.

A SXPL destaca que convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Orde do Camiño de Santiago, establece que a colaboración farase respecto á “constitución do xurado, prestación de apoio institucional, difusión do premio e outras accións que no seu caso se poidan acordar expresamente”. “Como se pode comprobar, ningunha delas ten asociada cantidade ningunha para a súa realización”, engade.

Redución dos orzamentos da SXPL

Desde Prolingua lembran que a SXPL é o órgano da Xunta encargado da promoción do galego e de planificar e poñer en marcha as políticas relativas á lingua galega. “Supoñamos que alguén pretendense que a SXPL lle subvencionase un proxecto para, poñamos por caso, a protección do Geomaculacus maculosus (un tipo de lesma) nas Fragas do Eume. Pensariamos, con razón, que esa persoa non rexe ben porque a conservación dos moluscos non entra dentro das competencias asignadas á SXPL. Se, así e todo, a SXPL subvencionase este proxecto, estaría cometendo unha fraude por desviar a outros fins partidas orzamentarias que debían destinarse a medidas normalizadoras da lingua galega”, apunta esta entidade nun comunicado.

Ademais, suliña que os orzamentos para a política lingüística reducíronse nun 70% e levan neste nivel seis anos. “Secasí, recortáronse  nesta mesma proporción as partidas para os ENDL dos centros de ensino; os programas de axuda aos SNL dos concellos foron aniquilados; practicóuselle a eutanasia aos Celga etc. Se do cada vez máis cativeiro orzamento para a SXPL desbotamos os gastos de mantemento, só nos quedarán para investir en accións normalizadoras unha media 0,73 € por persoa. Un insulto”, di esta entidade. 

Liñas de “promoción” do galego

“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dirixe todas as súas liñas de actuación a promover o uso do idioma galego en todos os ámbitos sociais e, baixo ningún concepto, está a destinar nin destinará as súas partidas orzamentarias ao financiamento de proxectos de calquera clase ou natureza que non compartan este obxectivo”, responden desde o departamento de Valentín García.

Prolingua insiste en que denuncian este premio porque “xa non se trata xa de que o que se vaia subvencionar non teña nada que ver coa promoción do galego, senón que vai na súa contra”.  “Se ademais atendemos ao contexto en que se produce esta agresión, veremos multiplicada a súa gravidade”, engade.

“Ante o erro no que se fundamenta a pretendida denuncia de Prolingua, non entramos a valorar os demais termos nela contidos, por responder tamén a preceptos que carecen de todo rigor. Tampouco responden á situación real dos procedementos con que conta o proceso de normalización lingüística en Galicia”, responden desde a SXPL.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta