Temas: ASTRONOMíA

Unha borrasca dificultará a visión en Galicia da “moi intensa” chuvia das Xemínidas

As noites deste martes 13 e mércores 14 de decembro serán as mellores para observar a chuvia de meteoros coñecida como as Xemínidas, que se poderá ver de igual forma en todo o Estado. Unha borrasca entrará precisamente por Galicia na noite deste martes, dificultando a súa visión. Con todo, poderase contemplar por Internet.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/12/2016 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

As noites deste martes 13 e mércores 14 de decembro serán as mellores para observar a chuvia de meteoros Xemínidas, que será "moi intensa" e poderase ver de igual forma en todo o territorio español, se a meteoroloxía o permite, segundo explicou o científico do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) Miquel Serra-Ricart. Os astrónomos e afeccionados galegos terán dificultade para observalas, xa que MeteoGalicia prevé a entrada dunha fronte precisamente na noite deste martes que deixará ceos anubrados con chuvias que comezarán a caer pola franxa atlánica na madrugada do mércores e que irán remitindo na noite posterior.

Chuvia das Xemínidas
Chuvia das Xemínidas | Fonte: IAC.

"O asteroide Faeton, que non cometa, deixou un regueiro de partículas que se chaman meteoroides, que ao entrar á atmosfera da Terra quéntanse e acaban desintegrándose, emitindo luz, e iso é o que é ao que se denomina estrela fugaz", explica o astrónomo en declaracións a Europa Press. Estes meteoros chámanse Xemínidas porque "parecen nacer da constelación de Xémini", aclara o expero.

En concreto, a corrente de partículas ou nube de entullos, resultante debido ao "desxeo" producido pola calor solar, dispérsase pola órbita do cometa e é atravesada cada ano pola Terra na súa órbita arredor do Sol. Durante este encontro, as partículas de po desintégranse ao entrar a gran velocidade na atmosfera terrestre, creando os coñecidos trazos luminosos que reciben o nome científico de meteoros.

Así mesmo, o científico indicou que a noite do día 15 este fenómeno se apreciará con menos intensidade cunhas 20 estrelas fugaces por hora, fronte a o máximo de 120 estrelas por hora dos días 13 e 14. Esa noite agárdanse tamén ceos anubrados e chuvia en Galicia.

Entre os consellos de Serra-Ricart para observar o fenómeno, está ir a un lugar escuro, abrigados e ter un pouco de paciencia, xa que en está ocasión a Lúa chea coincidirá co momento de máxima actividade das Xemínidas e fará que non se poidan observar os meteoros máis débiles polo aumento de luminosidade ambiental.

Non obstante, indicou que en xaneiro se dará outra chuvia de estrelas "bastante particular" chamadas Cuadrántidas e en verán chegarán as Perseidas.

A FORMULACIÓN DE DAVE JEWITT

O equipo dirixido por Dave Jewitt da Universidade de California en Los Ángeles (UCLA), axudado polas sondas STEREO da NASA, decatouse en 2010 que Faetón experimentaba un aumento de intensidade no seu brillo. Tratábase de algo novo que denominaron "cometa rochoso". Este feito trátase dun asteroide que se achega tanto ao Sol -faino cada 1,4 anos, de xeito similar a como o faría un cometa- que a calor emitida pola estrela queima os residuos de po que cobren a superficie rochosa e forma así unha especie de 'cola de grava'.

Así, Jewitt sinalou que "no perihelio, mínima distancia ao Sol, Faeton está extremadamente quente, máis ou menos a 700º C, tan quente que o xeo non pode sobrevivir na súa superficie, se vaporizaría moito tempo atrás e entón ten que haber outro proceso".

"Ao final, decidimos que como está tan quente, o proceso máis probable é rotura térmica. Ademais é probable que Faeton teña perdas por un proceso chamado desecamento, porque se quenta tanto comparado con outros corpos do Sistema Solar ao achegarse ao Sol, que cremos que as temperaturas tan extremas están implicadas na destrución de partes da superficie cada vez que se achega ao perihelio", engadiu.

CHUVIA DE ESTRELAS POR INTERNET

O proxecto europeo STARS4ALL e a canle sky-live.tv, emitirán en directo dende os ceos de Canarias esta chuvia de estrelas. O tempo total da retransmisión será de 20 minutos separados en tres conexións. A primeira delas será coa posta de sol do 14 decembro (19:30-19:35 hora peninsular); a segunda conexión coa saída da Lúa (20:10-20:15 hora peninsular); e cando se dea o pleno fenómeno das Xemínidas (23:00-23:10 hora peninsular).

Pola súa banda, o investigador do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), Javier Licandro, indicou que con 4 ou 5 quilómetros de diámetro (3200) Faetón é "un destrutor total" e subliñou que "se chocase coa Terra produciría unha catástrofe a nivel global que remataría" con especies, incluídas probablemente a nosa".

"Aínda así, Faetón é un risco menor na lista dos corpos potencialmente perigosos. Non obstante, temos que controlalo porque as órbitas destes pequenos asteroides que pasan tan preto da Terra están afectadas por moitos efectos que poden facer que, nun futuro, a órbita puidese derivar nunha órbita de colisión", sinalou.

Ademais da observación dende terra, realizarase un experimento conxunto co Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA) dentro do proxecto europeo ORISON e nun intento de bater a marca de detección en dobre estación dun bólido (Canarias-Península). Lanzarase un globo estratosférico dende Estremadura para gravar a chuvia sen a interferencia da atmosfera e a Lúa.

Debido á grande altura en que se produce o fenómeno (arredor de 80 quilómetros) e a transparencia do ceo da estratosfera, cabe a posibilidade de que sexa posible observar un bólido simultaneamente dende ambos os dous lugares. Elixiuse Estremadura para o lanzamento dende a Península debido á súa óptima disposición e os seus ceos limpos de contaminación lumínica, segundo sinalou o IAC.

Temas: ASTRONOMíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta