Último luar sen lubre

O profesor Gabriel Rei-Doval remite a súa última crónica de viaxe desde a India, "un país, un subcontinente, inmenso, que bate forte nos estándares dun occidental sen adestramento específico previo". As súas crónicas na sección #cartasmarcopolo

Por Galicia Confidencial | India | 15/12/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Tiña razón o camarada Carlos de Berres. Ante o caos indio só cabe rendirse, e aprender desde el. E abofé que algúns cambios só o tempo será quen de os confirmar. As experiencias, sensacións, imaxes, ideas, emocións... son tantas e tan variadas que hai varias semanas comezaron a amontoarse ó tou e en fervenza e algo en min decidiu deixar que así fose sen máis. Cando os sentidos rebordan a razón, toca aceptar, e esperar.

Gabriel Rei-Doval noTaj Mahal (Agra), na India
Gabriel Rei-Doval noTaj Mahal (Agra), na India

Foi a reacción do meu ser, abaneado polas longas semanas en terras alleas, fóra da zona de confort. Algúns días mesmo semellaban preto da área de risco excesivo; así aconteceu na camiñada entre Triund Hill e a liña de neve de Dharamsala, ou cando comezou a chamadademonetarización e deixaron de funcionar moitos estándares viaxeiros, no lidar cos exasperantes taxistas mentireiros de Goa e desde logo cando a garda real galega sucumbiu ás forzas especiais víricas indias.

Unha ducia de semanas fóra dos referentes occidentais por veces foron infindas para estesolo traveler que aprendeu a tomar como principal refuxio a nocturna anapana, e mesmo a vipassana cando non se resistía. Foi tamén unha proba de tódolos medios de transporte, coñecidos e descoñecidos, e aprender a utilizalos segundo o caso. Claro que os novos amigos indios foron de grande axuda, e tamén os amigos vellos na distancia, e mesmo aqueles que agasallaban sorrisos de balde de xeito inesperado.

India é un país, un subcontinente, inmenso, que bate forte nos estándares dun occidental sen adestramento específico previo. A ausencia de silencio en cidades, vilas e aldeas sorprende o viaxeiro occidental cando os polo demais pacíficos cans de palleiro espertan o seu lado escuro á  noitiña e os sonoros elementos moto e automovilísticos só dan tregua cando os respectivos donos apertan Morfeo. Velaí por que no país da poboación superlativa o son do silencio é prezado ben, ante a ausencia o cal só cabe a rendición e a procura meditativa interior. A fin de contas, seica India é aspiritual motherland do planeta, mesmo se non tódolos visitantes a perciben deste xeito.

Hoxe o luar é cheo, luminoso e convida á contemplación, con ou sen silencio. Será o último para min na India, mais coido que non o derradeiro. Antes toca retornar ó outro luar, no Lubre aresán e na enseada do Baño. Sen dúbida alí descompactaranse sensacións, ideas, proxectos e quereres. E poida que continúen as cartas de Marco Polo, fóra da Terra onde comezaron a agromar e manifestarse.             

Un solpor en Delhi, India
Un solpor en Delhi, India | Fonte: Gabriel Rei-Doval

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta