Feijóo recoñece que existen “lobbies” nas eléctricas que se queren beneficiar das subvencións

Insiste en que realizará o seu plano eólico, a pesar de que só se teñan creado 2.000 postos de traballo dos 12.000 que prometeu hai seis anos. Explica o atraso pola necesidade de “regular” o sector.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 15/12/2016 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

“Sei que hai lobbies a favor das subvencións públicas nas grandes eléctricas. Entendo que queiran gañar máis, pero nós nos debemos aos cidadáns”. Así de contundente se amosou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao referirse a situación de paralización do concurso eólico que el mesmo impulsou cando chegou á Xunta de Galicia en 2009.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI.

O líder popular prometeu ese ano, xusto ao entrar no goberno da Xunta, a creación de 14.000 empregos cos novos parques eólicos. Unha promesa que traía aparellada a supresión do anterior plan eólico do bipartito. Seis anos despois desa promesa só hai 2.000 postos de traballos creados, o 14% dos prometidos. Durante este tempo, algúns empresarios, como Ángel Jove, comezan a vender as empresas beneficiadas sen construír os parques eólicos e os plans industriais asociados a eles.

Pero esta non é a única promesa incumprida. Tras tirar o plan eólico do bipartito mediante unha resolución -ilegal, segundo ditou o Supremo- o goberno do PP resolveu o seu propio concurso que  “blinda a execución dos plans industriais cun investimento de 6.000 millóns de euros”. En 2016 Industria admite que o investimento polo de agora é de 717 millóns. 

Xustifica o atraso

Con todo, Feijóo xustifica ese atraso pola regulación do sector elécrico. Así, lembrou que as empresas do sector deben 26.000 millóns de euros no conxunto do Estado e teñen sobreprodución. “E todo isto o fixeron grazas a axudas públicas”, suliñou.

Por iso, explicou que a paralización do seu plano eólico débese, precisamente, a tentar “regular” esta situación, para que estas empresas non se beneficiaran de axudas públicas. E, neste sentido, aproveito para criticar aos partidos da oposición, sobre todo, ao BNG, impulsor do plano eólico do bipartito. “Sorpréndeme que haxa partidos que estean agora preocupados pola probreza enerxética cando estiveron beneficiando ás eléctricas cando estiveron no poder”, ironizou.

En todo caso, o presidente galego quixo deixar claro que esa promesa para a creación de 12.000 postos de traballo sigue en pe e que o seu plano eólico se levará a cabo. “O aprazamento é para que estas empresas non foran subvencionadas”, insistiu, “porque xa xeran beneficios por elas mesmas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta