Temas: GC XORNALISMO

Datos históricos para GC en 2016

Galicia Confidencial pecha o ano cos seus mellores rexistros, cun crecemento da audiencia dun 36 por cento, un 17 por cento máis de páxinas vistas e máis de 36.000 seguidores en redes sociais. O novo deseño, as novas seccións e o crecemento en canles sociais foron claves.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/12/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

2016 péchase para Galicia Confidencial (GC) cuns datos históricos. O xornal decano da prensa dixital en galego aumentou un 17 por cento o número de páxinas vistas respecto ao ano pasado, un 27 por cento o número de sesións e case un 36 por cento o número de usuarios activos, aproximándonos aos 4 millóns de páxinas vistas. Ademais, o noso sitio web chegou a ter até 14.000 usuarios activos nun só día.

Un dos lemas de Galicia Confidencial
Un dos lemas de Galicia Confidencial

As cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo aportaron arredor do 52 por cento dos usuarios de GC, pero tamén destaca o noso impacto no resto de capitais galegas e grandes vilas.

GC tamén seguiu crecendo nas redes sociais, onde superamos os 36.000 seguidores. Precisamente, as canles sociais convertéronse na fonte principal de visitas ao xornal, pois o 50 por cento do tráfico no noso sitio web chega dende esas fontes, mentres que unha cuarta parte é tráfico directo e un 20 por cento chega dos buscadores de Internet tipo Google. Respecto a 2015, a suba foi moi notable, xa que incrementamos un 60 por cento o total de sesións no noso sitio web vía redes sociais, decisivas para o novo pulo que experimentou o decano da prensa dixital en galego.

Entre as distintas canles sociais, Facebook segue sendo a nosa principal fonte de visitas, representando o 71 por cento, seguida de Twitter, co 26 por cento. Pero tamén tivemos milleiros de visitas dende Menéame, reddit, Digg, Blogger ou LinkedIn, entre outros.

As visitas dende Facebook aumentaron un 64 por cento respecto ao ano pasado, mentres que o fluxo de Twitter aumentou un 44 por cento. Tamén tivemos moito máis impacto en Menéame, dende onde se triplicaron as consultas a GC, demostrando que o xornalismo en galego ten tamén cabida e impacto na maior plataforma de distribución e votación de novas entre a comunidade hispana.

O MÁIS VISTO

Como parte do redeseño do noso sitio web —adaptable a calquera dispositivo, máis social e máis atractivo—, estreado en novembro de 2015, tamén ampliamos as seccións de GC para darlle protagonismo a outros contidos que non son políticos, pero sen perder a esencia e natureza do noso medio. Así, nos útimos tempos fomos incoporando novas seccións como Lingua, Patrimonio Ciencia ou Medio Ambiente, ademais dun servizo de teletipos de Última Hora actualizado ao minuto e prestado pola axencia Europa Press, todo isto para dar resposta ás inquietudes xornalísticas do equipo de redacción do GC e cubrir ocos que non acostuman ser cubertos con espazos propios na prensa xeralista, tentando sempre aportar contidos orixinais e intimamente vinculados á realidade galega, ademais de cubrir cos teletipos un amplo abano de novas de actualidade. E o certo é que a aposta deu resultado.

Co novo deseño e as novas seccións, GC experimentou un crecemento do seu público e de visitas, incorporando temas medioambientais, científico-tecnolóxicos e sociais entre o máis visto do ano, mesturados cos xa clásicos contidos políticos e anticorrupción que son marca do GC. Como anécdota, subliñar que entre o máis visto este ano coouse unha reportaxe de abril de 2013 sobre as relacións do PP galego co narcotráfico, recuperada polos nosos lectores.

Velaquí as 20 novas máis lidas do ano 2016:

  1. Ourense arde de punta a punta (7 de setembro).
  2. Rogan colaboración para atopar a moza con discapacidade desaparecida (24 de setembro).
  3. Quintana desvela por que o bipartito perdeu a Xunta: “Un prócer coruñés quería cambiar o concurso eólico” (11 de marzo).
  4. Google homenaxea a galega que inventou en 1949 o libro electrónico (28 de marzo).
  5. Don Disfraz, unha empresa galega que no entroido compite con Amazon (19 de xaneiro).
  6. Kentaro, o lince ibérico que percorreu 2.410 quilómetros até chegar a Galicia (4 de febreiro).
  7. “Subnormales”, “paletos”, “putos”, “fachas”, “narcos”... algúns dos insultos aos galegos tras o 25S (27 de setembro).
  8. As Cíes mostran por primeira vez á ciencia un cabaliño de mar (9 de febreiro).
  9. Golpe de autoridade contra unha festa “elitista e de prensa rosa” (13 de xaneiro).
  10. A rotonda máis grande, absurda e presuntamente corrupta de Galicia (23 de agosto).
  11. O último gran martirio dos republicanos galegos en Vigo (23 de abril).
  12. Un conto para explicarlle aos nenos que o Samaín non é o Halloween (25 de outubro).
  13. As relacións do PPdeG co narcotráfico (2 de abril de 2013).
  14. A bióloga galega Alba Aguión, segunda mellor monologuista científica do mundo (10 de xuño).
  15. Cortan un carballo de 160 anos en Ourense por mor dunhas obras de Fenosa (29 de xaneiro).
  16. 25 concellos lanzan un plan contra o eucalipto (17 de decembro).
  17. “Na miña vida de médico vin algo tan vil” (18 de abril).
  18. Renace Deleite, directamente dos gandeiros e a prezos xustos (16 de maio).
  19. Galicia terá a súa propia superprodución sobre a guerra entre celtas e romanos (8 de marzo).
  20. Ferrín: “Gallaecia estaba tan ben nomeada que foi a única provincia romana que conservou o seu nome” (8 de abril).

O equipo de GC quere agradecer ás centos de miles de persoas que vsitaron o noso sitio web e que comparten os nosos contidos en canles sociais o seu apoio e confianza. Tamén queremos dar un particular agradecemento aos anunciantes e, sobre todo, aos subscritores de GC Plus que, coas súas achegas económicas, contribúen a que GC se manteña para seguir líderando a prensa en galego. Sen as súas contribucións non sería posible soster un medio independente, na lingua propia do noso país e alternativo aos medios tradicionais. 

Temas: GC XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Suxerencias: habería que pensar en facer máis visibles as seccións ocultas baixo a lapela MÁIS > Ciencia, Medio Ambiente, Tendencias, etc... cicais facendo interactiva a "etiqueta" que figura na parte superior esquerda das novas da portada...(?) e mellorar no Perfil de Usuario > a expresión "estase a comentar" non reflicte a realidade (?) e ás veces se agradecería que o número de comentarios do Perfil fose ampliado a DEZ comentarios (?) Saúde !

2 Celtia do Avia

Noraboa, pero nótase moito que censurades certos temas e comentarios críticos cos vosos contribuíntes.

1 Gamela

NORABOA !!! a ver se 2017 vén cargado de REGALOS para GC, e aos xornalistas vos suben o soldo un 10% grazas ás achegas dos subscritores que se agochan nas Redes Sociais (que venden os seus datos a Facebook pero non soltan un can para Galicia!) :-) PASADE UNHA MOI FELIZ NOITEVELLA !!!