O Rei Sol: arqueoloxía sen escavar

No castro de Cano dous Mouros, en Oia, atópase unha rocha con forma de trono onde a lenda di que se sentaba o Rei Sol a contemplar o solpor. Un documental explica as características do xacemento e o proxecto de recuperación deste espazo para os veciños.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/01/2017 | Actualizada ás 10:01

Comparte esta noticia

Desde hai uns anos, as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Oia xuntáronse para expor unha xestión alternativa do monte e do patrimonio arqueolóxico que se atopa na súa propiedade, creando o proxecto Costa dos Castros, unha iniciativa arqueoloxía desde e para a comunidade.

Xacemento de Cano dos Mouros, en Oia
Xacemento de Cano dos Mouros, en Oia | Fonte: costadoscastros.com.

No xacemento de Cano dous Mouros os veciños optaron por outro tipo de intervención arqueolóxica que non implicase escavar: visibilizando as estruturas, recuperando as lendas e a memoria oral vinculada e creando eventos nos que fortalecer os lazos de veciñanza.

Dese proxecto en Cano dous Mouros nace o documental O Rei Sol: Arqueoloxía sen escavar, unha produción na que participa o Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio), un dos organismos que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ten en Galicia. Con guión de Juan Pablo Venditti, Guadalupe Jiménez-Esquinas e Rubén Vuelta-Santín, e realización e montaxe: de Rubén Vuelta-Santín, a peza audiovisual mostra o traballo feito no lugar nos últimos tempos.

O castro sitúase na parroquia de Viladesuso, na lindeira entre esta e a de Mougás. Dende os seus case 300 metros de altura, domina os vales de ámbalas dúas parroquias así como un amplo tramo de costa.

Dende o punto de vista da estratexia de ocupación do territorio, este castro sitúase entre os outros dous: A Cabeciña e Chavella. Semella que a súa función sería a de controlar posibles puntos cegos, actuando de bisagra visual, sobre todo tendo en conta o pequeno tamaño da superficie aproveitable do castro.

Presenta menor tamaño que o da Cabeciña, pero unha serie de características análogas a este como a súa orientación Sureste, unha morfoloxía semellante adaptando o terreo e sobre todo as súas murallas, con sistemas construtivos semellantes.

Trátase do máis pequeno da cadea de tres castros en altura que conforman a chamada Costa dos Castros e o que conserva unha maior tradición oral asociada, curiosamente perdida nos outros dous casos. Os veciños e arqueólogos puideron recoller as habituais lendas de túneles que comunican con outros puntos senlleiros da paisaxe, mais tamén outra cun carácter máis orixinal. Unha das rochas do castro, con caprichosa forma de cadeira é coñecida como a “Silla do Rei Sol”. Neste trono sentaríase o dito Rei Sol a contemplar o solpor dende o Cano dos Mouros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta