Cal será o papel de Luís Villares na futura En Marea?

As candidaturas afíns a Anova e Cerna apoian que sexa voceiro de En Marea, en contra de parte da lista na que concurre o propio Villares. O comité electoral asegura que o regulamento de primarias non impide manter voz e voto se es electo e ser representante no Parlamento

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2017 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O proceso interno para composición dos órganos de dirección de En Marea --o partido instrumental que conta con 14 deputados na Cámara galega e o apoio de Podemos Galicia, Esquerda Unida e Anova, xunto con mareas das cidades e outras pequenas-- ten a súa próxima parada este luns coa proclamación definitiva das tres candidaturas presentadas. E, enriba da mesa, está o futuro papel que debe desempeñar Luís Villares nesas candidaturas.

Luís Villares, no Parlamento galego
Luís Villares, no Parlamento galego | Fonte: Europa Press.

Unha delas a encabezará o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, e as outras dúas son afíns ás formacións políticas nacionalistas Anova -- Somos Quen, encabezada polo deputado e exalcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez-- e a Cerna --Queremos Participar, que lidera a exdeputada de AGE e do Mixto Consuelo Martínez--.

Malia a existencia de tres candidaturas, as dúas nas que non concorre Villares apoian que o actual voceiro parlamentario da confluencia tamén o sexa do partido que se constituíu o pasado verán en Vigo e que en decembro celebrou a súa primeira asemblea da que falta por resolver as primarias para a composición da súa dirección, segundo recolle explicitamente a candidatura Queremos Participar (afín a Cerna, formación que se escindiu de Anova) e tal e como confirmou Alfonso Diz, de Somos Quen (afín a bases de Anova e tamén con membros da súa dirección). "É o voceiro natural e non o cuestionamos", manifestou a Europa Press Diz, impulsor da lista.

Esta circunstancia colisionar, non obstante, coa postura de parte da candidatura na que concorre o propio voceiro parlamentario e que non está a favor de que asuma esa función de partido e mesmo lle restarían a posibilidade de voto dentro do Consello das Mareas, o máximo órgano de decisión entre asembleas.

Segundo o regulamento do proceso de eleccións, e no apartado de incompatibilidades para formar parte do consello das Mareas, os representantes institucionais de ámbito autonómico ou estatal poden presentarse ás primarias, pero non poderán superar o 20 por cento do total do órgano. Isto permite, por exemplo, que tanto Villares como Antón Gómez-Reino (voceiro rotatorio de En Marea no Congreso neste período de sesións) forme parte das listas, como é o caso do lucense que encabeza unha.

O seguinte punto do regulamento fai referencia a que as persoas que sexan voceiros parlamentarios (Congreso ou Parlamento de Galicia) formarán parte do Consello das Mareas con voz e sen voto mentres ostenten esta condición e, de ser elixidos previamente (no Consello das Mareas), o grupo elixiría a outra persoa representante.

Isto responde, segundo as fontes do comité electoral consultadas por Europa Press, á necesidade de "coordinar" o traballo do partido político e dos seus grupos institucionais, de aí que os membros 'natos' pola súa condición de representantes teñan voz pero non voto se non son elixidos no proceso de primarias.

A ELECCIÓN DO CONSELLO E A COORDINADORA

A votación para o Consello das Mareas --do sábado 21 ao luns 23-- farase co censo de ámbito "nacional" e cada elector poderá elixir a unha lista das que se presenten. Ao haber máis dunha candidatura, a composición final do Consello das Mareas serán o resultado do reconto proporcional puro entre as distintas listas coas correccións de paridade (50%) --neste caso deberá haber 18 mulleres de 35-- e con ese tope do 20% de representantes institucionais que establece o regulamento aprobado en decembro.

Deses 35 nomes que resulten das eleccións internas, elixiranse as 11 persoas que formarán parte da Coordinadora, que é a equivalente a unha executiva dun partido tradicional e que debe encargarse de cumprir de forma ordinaria o mandato do máximo órgano de decisión entre asembleas.

Fontes do comité electoral consultadas por Europa Press explicaron que, no caso do voceiro parlamentario, co regulamento na man, non hai ningún impedimento para que tamén sexa o voceiro --aínda que esta área sexa compartida con outra persoa-- do partido político, así como para manter o voto dentro dos órganos de dirección. Ese papel, dixeron estas fontes consultadas, "non está desenvolvido, nin aclarado" no regulamento e depende, polo tanto, dos membros e decisións do Consello.

Isto é, no caso de que houbese unha única lista para o Consello das Mareas, os membros desa candidatura poderían pactar deixar fóra a Villares da responsabilidade da portavocía, como apostan dentro da propia candidatura na que el está. Pero ao haber tres listas, das cales dous aseguraron que apoian que o maxistrado sexa voceiro, a decisión non só dependerá dos membros da súa lista, senón tamén da forza que obteñan cada unha delas no proceso interno.

PROGRAMA POLÍTICO

Cada unha das candidaturas, como recolle o regulamento, debe presentar un documento político asociado. No caso da afín a Cerna, inclúe expresamente o "apoio a Luís Villares como voceiro unipersonal dentro da Coordinadora", posición que xa defenderon na asemblea do 1 de decembro, así como que este cargo fose elixido directamente pola afiliación.

A comarcalización de En Marea é a "primeira e máis urxente tarefa" que se debe desenvolver para a candidatura 'Somos Quen', que lidera Davide Rodríguez e na que están integrados nomes destacados de Anova como Esther Duro, que é secretaria de Organización desta formación ao igual que Rafael Dopico, que concorre na lista de Villares.

Ademais, este proxecto aposta tamén por estruturar a formación política a nivel local, un ámbito no que, segundo o documento, ao que tivo acceso Europa Press, "débese compaxinar o apoio ás organizacións municipalistas coa estruturación da unidade popular".

Con este fin, alá onde exista unha organización municipalista, se "asinará un protocolo entre ambas as dúas" no que se establecerá que esta agrupación "recoñece como único referente político superior" a En Marea e que En Marea "renuncia a participar na política local fóra das canles de organización municipalista".

Ademais, e coa mirada posta na seguinte cita electoral, este documento aposta por unha estratexia cara á "disolución nunha marca única" nas municipais de 2019 e un "compromiso de concorrer co nome de En Marea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

6 Mareante

E cal é a lista de consenso da que se fala? Aínda non se coñecen os nomes? Que cousa máis rara...

5 xacobe

Que CANSINOS. Non podo, non podo....

4 Gamela

la jodimos... a Marea de Vigo terá carta branca para seguir sentada no sillón sen facer absolutamente nada! // onde exista unha organización municipalista, se "asinará un protocolo entre ambas as dúas" no que se establecerá que esta agrupación "recoñece como único referente político superior" a En Marea e que En Marea "renuncia a participar na política local fóra das canles de organización municipalista" A isto chámolle eu a legalización dos Reinos de Taifas!!! Cómo é posible que unha organización municipalista como MdV (ANOVA + EU) non teñan interferencias de En Marea na cidade máis poboada de Galicia??? Será porque tampouco ninguén sabe que carallo pasa con PodemosVigo ??? Será que todo isto é un MISTERIO MISTERIOSO ???

3 Manoel36

Manda truco coa súa propia lista¡ Pero sumando o que saquen as outras pode acabar gañando

2 dúbida existencial

De verdade que Podemos forma parte de Marea? Máis aló, Podemos Galicia existe?

1 Sariañ de Oia

Podemos Galicia vai xogar cos demáis á Marea ata que non lle apeteza máis, e logo irá por libre, deixando con cara de paspáns ós de Anova e EU....