Martiño Noriega di que a Fiscalía pediu o arquivo da causa que iniciou contra el El Correo Gallego

O rexedor confirma que foi denunciado polo xornal santiagués por “unha entrada” que fixo “nas redes sociais” sobre as débedas do grupo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/01/2017 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, confirmou este luns que está como investigado nunha causa que tramita o xulgado número 2 desta cidade contra el tras a denuncia interposta polo grupo El Correo Gallego. En todo caso, suliñou que está “tranquilo” porque a Fiscalía xa pediu o arquivo da causa.

Martiño Noriega
Martiño Noriega

O proceso iniciouse en outuno cando o rexedor compostelán foi denunciado por El Correo Gallego por criticar a débeda que este grupo tiña cos seus traballadores na Seguridade Social. “Foi por unha entrada que fixen nas redes sociais”, indicou Noriega este luns tal e como recolle Nós TV.

“Foi unha denuncia do grupo El Correo Gallego contra min. Hai unha instrución de carácter reservado. Estamos apercibidas as partes e iso hai que facelo constar porque é así desde o inicio e non podemos falar”, suliñou. Ademais, indicou que non coñece, nestes momentos, cal é a súa “situación xurídico existencial”, porque está en calidade de “investigado”. En todo caso, insistiu en que a Fiscalía hai uns días xa pediu o arquivo da causa. “Estamos agardando se queda arquivada a denuncia ou imos a xuízo, aínda que eu teño a confianza de que quedará arquivada”, manifestou.

O proceso tramítao o xulgado n.2 de Compostela. Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), toda a instrución é secreta por orde da xuíza, que non acostuma a informar sobre ningunha das súas causas. Un feito que confirmou o propio rexedor compostelán. “As valoracións fareinas ao final do proceso porque a xuíza foi moi explícita ata o final do proceso porque era unha denuncia de parte”, indicou.

Compostela Aberta e resposta de El Correo Gallego

Foi o xornalista Fernando Varela en Infolibre, o que informou a pasada semana da denuncia a Martiño Noriega por parte de El Correo Gallego para, segundo indicou,  rematar "judicialmente con el" por “hacer pública en las redes sociales su deuda con la Seguridad Social”. O edil “imputado”, dicía na información “alegó en su defensa que como alcalde no tiene acceso a los datos de la Seguridad Social”. 

Unha situación xudicial que deu lugar a un comunicado de Compostela Aberta –o grupo que sustenta a Martiño Noriega-- e no que denuncia unha campaña deste xornal para rematar co edil.  El Correo Gallego non tardou en respostar a través dun durísimo editorial contra o “alcalde 2.0” no que denuncia tamén unha suposta “campaña orquestada” contra o periódico e a liberdade de prensa por parte da marea. O xornal recoñece a existencia dunha denuncia contra Noriega pero non dá máis datos sobre ela. 

Este proceso xudicial entre Martiño Noriega e El Correo Gallego acontece case ao mesmo tempo que este xornal e La Voz de Galicia realizaron, tamén, unha serie de informacións nas que critican a situación económica dos respectivos grupos mediaticos. Así La voz, denunciou a situación de quebra na que se atopa El Correo, e este informou sobre as débedas que ten V Televisión, a canle televisiva do Grupo Voz. con duras críticas ao seu editor, Santiago Rey.

Silencio dos seus rivais políticos e mediáticos

Malia que o propio Noriega recoñeceu que declarou como investigado, ningún dos grupos da oposición -nin tampouco o PP a nivel galego- fixeron sangue sobre este asunto. Polo de agora, tanto os conservadores como os seus medios de comunicación afíns están a evitar este tema, de feito El Correo pronunciouse únicamente despois de que a noticia saltase noutro medio. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Montesío

Non teñen cartos para cotizar para as pensións dos seus traballadores pero teñen cartos para tiralos en demandas espurias.