Temas: ESPAñA I+D FECYT

Galicia perde peso en produción científica

O país é unha das tres autonomías onde menos medrou a actividade científica e onde as cotas de produción estatal diminúen, pasando a ocupar o sexto posto tras ceder o quinto ao País Vasco, segundo un informe do Observatorio Español de I+D+i (ICONO) sobre varios indicadores bibliométricos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia está a perder protagonismo na produción científica en España. O país pasou do quinto ao sexto posto entre as 17 autonomías e sitúase entre as tres onde menos medrou a actividade científica, xunto con Castela e León e Navarra. Así o reflicte un informe do Observatorio Español de I+D+i (ICONO), que xestiona a Fundación Española para a Ciencia y la Tecnología (FECYT), no que analiza a actividade científica de España durante o período 2005-2014 mediante o estudo de varios indicadores bibliométricos. Estes indicadores permiten avaliar os resultados dunha investigación ou dun autor unha vez que foron difundidos a través dunha publicación e coñecer o seu impacto na comunidade científica.

Laboratorio de investigación da Universidade de Vigo
Laboratorio de investigación da Universidade de Vigo | Fonte: DUVI.

Sumando os datos dos quinquenios consecutivos de 2005-2009 e 2010-2014, o informe fai evidente que é o nordés de España o que experimentou un desenvolvemento máis rápido na produción investigadora. Porén, o noroeste é onde se ralentizou máis.

"Podemos distinguir dous pares de comunidades autónomas adxacentes que forman fortes grupos de crecemento. En primeiro lugar, Cataluña e Aragón incrementaron a súa xa de seu considerable produción científica, respectivamente, nun 52,1% e un 67,3%. En segundo lugar, partindo dunha produción científica combinada máis pequena, o País Vasco e A Rioxa mostran unhas porcentaxes de crecemento aínda maiores, cun 82,9% e un 100,1%. A produción de publicacións das dezasete comunidades autónomas aumentou entre 2005- 2009 e 2010-2014. As comunidades cun crecemento máis baixo son as dúas comunidades do noroeste —Galicia (35%) e Castela e León (34,3%)— e Navarra (31,8%)", conclúe o informe do Observatorio Español de I+D+i.

Precisamente estas tres autonomías son as únicas cuxas cotas nas publicacións estatais diminúen: Galicia (-1,1%), Castela e León (-1,6%) e Navarra (-3,4%).

E mentres a maioría de comunidades mostra unhas taxas de crecemento da cota de produción estatal entre "modestas e sólidas", "este non é o caso de Estremadura (TCAC de 0,4% en 2005-2014), Castela e León (TCAC de 0,5%), Navarra (TCAC de 0,5%) ou Galicia (TCAC de 0,7%)", aporta o estudo, no que a TCAC se refire concretamente a taxa de crecemento constante ano tras ano.

Captura dunha das pezas do documental 'USC360' nos laboratorios da Universidade de Santiago
Captura dunha das pezas do documental 'USC360' nos laboratorios da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

O estudo destaca que en 2014, Cataluña —con máis de 30.000 artigos— e Madrid —máis de 27.000— producen máis de dous terzos do total da produción científica española. Andalucía e a Comunidade Valenciana son as comunidades que lles seguen máis preto con máis de 10.000 artigos cada unha. Por outra banda, A Rioxa, País Vasco e Aragón son as autonomías cuxa produción científica experimentou un maior crecemento. Cataluña tamén se presenta como líder en termos de impacto normalizado da súa produción científica, crecendo de 1,38 en 2005 a 1,72 en 2014. 

EUSKADI SUPERA A GALICIA

Os datos do estudo constatan que Galicia pasou de ser a quinta autonomía máis produtiva en investigación científica a ocupar o sexto posto, relegada no ano 2012 polo País Vasco, que "mostra a taxa de crecemento máis elevada de todas as comunidades de referencia (TCAC de 5,7% entre o 2005 e o 2014), exceptuando A Rioxa", sinala o informe.

Os datos mostran que no período 2004-2009 o número de publicacións científicas en Galicia foi de 19.423, ocupando o quinto posto, fronte a 14.402 en Euskadi, que se situaba no sexto lugar. Porén, no quinquenio 2010-2014, no noso país se rexistraron 26.220 publicacións (crecemento do 35%) e no País Vaco, 26.338 (aumento dun 82,9 por cento), pasando Galicia ao sexto posto.

Os datos para Galicia tamén son negativos no que se refire ao número de descargas que acumulan os artigos de cada comunidade autónoma publicados neses dez anos analizados, como unha porcentaxe do total de descargas acumuladas por España a través de ScienceDirect. É dicir, analízase o interese que as publicacións xeran entre a comunidade científica.

As comunidades coas TCAC de descargas máis baixas son Galicia (3,1%) e as Illas Canarias (2,3%). Con todo, "en comparación coa súa produción de publicacións, a cota de descargas de Galicia foi notablemente elevada no 2005, polo que o crecemento negativo supón unha volta á súa situación habitual", subliña o informe.

Por último, cabe salientar que once das dezasete comunidades autónomas mostran unhas cotas de descarga estatal crecentes. As comunidades co maior descenso nas cotas son Galicia (6,6%), a Rexión de Murcia (5,4%) e as Illas Canarias (3%).

Número de publicacións científicas e a súa evolución por comunidade autónoma, 2005-2009 e 2010-2014. Orde das comunidades en función do número de publicacións 2005-2014. Datos de Scopus | Observatorio Español de I+D+i.
Número de publicacións científicas e a súa evolución por comunidade autónoma, 2005-2009 e 2010-2014. Orde das comunidades en función do número de publicacións 2005-2014. Datos de Scopus | Observatorio Español de I+D+i.
Temas: ESPAñA I+D FECYT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta