Concentración en Miño para evitar o desafiuzamento dunha nai e a súa filla de 12 anos

Viven nunha casa que era propiedade do seu ex home que, a pesar da oposición inicial da súa familia, quere botalas da vivenda.

Por Galicia Confidencial | Miño | 20/01/2017 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

Fátima e a súa filla de 12 anos poden quedar na rúa por un conflito que arrastra co seu ex-marido, que as quere botar do piso no que viven. Por iso Stop Desafiuzamentos Coruña maniféstase este venres en Miño para esixir a paralización deste desafiuzamento.

Protesta de Stop Desahucios na Coruña en defensa de Aurelia
Protesta de Stop Desahucios na Coruña en defensa de Aurelia | Fonte: tingalaranga

Fátima tiña a súa vida solucionada. Unha familia que a coidaba, un negocio próspero... pero enamorouse e deixouno todo: o seu país, a súa tenda...e veu a Galicia namorada do que hoxe é o seu maior inimigo. Casaron e foron vivir a Betanzos cos sogros.

As cousas tornáronse e a convivencia co seu home complicouse. Naceu a súa filla, pero non melloraron as cousas.  O medo e a impotencia obrigárona, na Noiteboa do 2009, a coller á súa filla e saír correndo do domicilio familiar. “Viviron varios días agochadas nun coche ata que un veciño informou da situación a Dona Rosa, a súa sogra e avoa da súa filla”, informan desde a plataforma. 

“Esta muller de ben, dacordo co seu marido e a escondidas do seu fillo, fíxolles chegar as chaves dun piso en Miño do que eran propietarios. A situación formalizouse cando, por motivos de empadroamento, Dona Rosa, novamente a escondidas do seu fillo, asinoulle unha autorización para ocupar a vivenda da que agora parece querer botala”, engade.

Comezan os problemas

Pouco despois, Fátima divorciouse do seu marido para formalizala súa situación e poder optar a axudas sociais que completaran a súa renda. “Cumpriu coas súas obrigas, cousa que non sempre fixo o seu exmarido, respetando o réxime de visitas da súa filla e esforzándose por sacala adiante”, di a Plataforma Stop Desafiuzamentos.

En 2014, en plena crise, cando máis lle estaba custando saír adiante, é demandada polo seu sogro por ocupar o piso. “Ela non o culpou, pois pensa que non era él o que decidía na súa casa. De feito, ese home morreu e a demanda continúa agora a cargo da súa nonaxenaria e impedida muller (si, a sogra de Fátima, a mesma boa muller que lle autorizara), á que seu fillo personaliza, por autorización notarial, no proceso xudicial”, indica.

O proceso continúa, pero, de momento, está prevista a execución provisional dunha sentencia, pendente de recurso de apelación e un posible recurso de casación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta