Premio europeo para un proxecto veterinario galego sobre circovirose porcina

Boeheringer Ingelheim distingue un proxecto do chantadino Gonzalo López Lorenzo, do Campus Terra da Universidade de Santiago, entre as mellores propostas europeas de I+D sobre PCV2.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2017 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

O veterinario chantadino Gonzalo López Lorenzo, membro do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vén de ser galardoado co European PCV2 Award, un certame anual convocado pola multinacional veterinaria Boehringer Ingelheim co que se distinguen os tres mellores proxectos de investigación europeos sobre Circovirus Porcino Tipo 2 (PCV2).

Gonzalo López Lorenzo, na Facultade de Veterinaria de Lugo
Gonzalo López Lorenzo, na Facultade de Veterinaria de Lugo | Fonte: USC.

A proposta de I+D presentada por López Lorenzo leva por título ‘Aplicación da detección ambiental do PCV2 a través do emprego da qPCR no estudo epidemiolóxico da infección’. Esta liña de traballo capitaliza a investigación que está a realizar o propio Gonzalo López ao abeiro da tese de doutoramento que está a desenvolver no Departamento de Patoloxía Animal da USC baixo a dirección do profesor Gonzalo Fernández, que tamén forma parte do Invesaga da USC, un equipo catalogado pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva.

O proxecto de I+d+i presentado por este investigador do Campus Terra da USC á última convocatoria do European PCV2 Award propón a aplicación de detección deste virus en mostras ambientais por qPCR, coa pretensión de poder determinar a diseminación e a transmisión do virus nas explotacións, ademais de testar a influencia da vacinación na eliminación do axente vírico polos animais.

Os resultados obtidos ao final deste proceso de investigación permitirán establecer medidas máis eficaces e eficientes en relación ao control e á prevención desta enfermidade, segundo argumenta este doutorando da USC. Gonzalo López, que completou os estudos do grao de Veterinaria do Campus Terra da USC, deberán expoñer a metodoloxía de traballo, así como o alcance e os obxectivos finais do proxecto de I+D+i galardoado no marco da gala de entrega do European PCV2 Award, unha cerimonia que se celebrará o vindeiro mes de febreiro na cidade francesa de Lyon.

O proxecto de I+D presentado por Gonzalo López á convocatoria do certame promovido pola multinacional veterinaria Boheringer Ingelheim foi revisado un comité científico independente, cuxos integrantes se ocuparon de seleccionar as tres mellores propostas de investigación chegadas a nivel europeo e orientadas a avanzar no campo da inmunidade, patoxenia e epidemioloxía do PCV2. Os proxectos seleccionados nesta edición foron, ademais do presentado por este investigador do Campus Terra da USC, outras dúas liñas de traballo deseñadas por un equipo de Zurich e outro de Edimburgo, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta