Temas: PESCANOVA

Sindicatos denunciarán a Inspección de Traballo a “mala vontade de negociar” os convenios de Pescanova

Segundo a "vontade" que mostre a empresa, levarán adiante medidas de presión "dun ou doutro calibre".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 21/01/2017 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

Traballadores das plantas de elaboración e frigoríficos do grupo Nueva Pescanova decidiron nunha asemblea convocada por CIG, UGT, CUT e USO, denunciar ante a Inspección de Traballo a "mala vontade de negociar" os convenios colectivos por parte da dirección da empresa, así como "cortar" as horas extra dos sábados e as que se poidan chegar a impoñer.

Asemblea de sindicatos do grupo Nueva Pescanova
Asemblea de sindicatos do grupo Nueva Pescanova | Fonte: Europa Press.

Ademais, avisaron de que, segundo a "vontade" que mostre a empresa, levarán adiante medidas de presión "dun ou doutro calibre", entre as que mencionaron concentracións ante algún dos seus principais clientes —como Mercadona—, ou de empresas de traballo temporal, por ser as que "posibilitan competencia desleal ante as mobilizacións".

No encontro, que tivo lugar na mañá deste sábado no Multiúsos da Xunqueira, en Redondela (Pontevedra), participaron uns 400 traballadores, que ratificaron o seu rexeitamento a asinar a proposta de convenio que formula a empresa e que entenden que supón "unha rebaixa brutal" nas súas condicións.

Os voceiros puxeron en relevo o "éxito" da asemblea tanto por número de asistentes coma polo consenso alcanzado, e destacaron que "é a primeira vez que todos os comités de empresa de todos os centros se unen" —a excepción de CC.OO.—, co obxectivo de rexeitar calquera rebaixa dos seus convenios actuais.

Temas: PESCANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta