Investigadores galegos botan luz sobre a complexa composición molecular do petróleo

Científicos do CiQUS, da Universidade de Santiago, colaboran con expertos de IBM e ExxonMobil nun estudo sobre a estrutura molecular dalgunhas fraccións pesadas do petróleo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2017 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da compañía tecnolóxica IBM e da petroleira ExxonMobil colaboran nun estudo sobre a estrutura molecular dalgunhas fraccións pesadas do petróleo, “que continúa a ser unha incógnita pola complexidade nas mesturas e a falta de patróns e técnicas axeitadas para o estudo dalgúns dos seus compoñentes”, explica Diego Peña Gil, investigador principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares CiQUS e responsable da liña de colaboración que este centro da USC mantén aberta co IBM Research en Suíza. 

Estrutura dunha das moléculas modelo e a súa correspondente imaxe, obtida mediante Microscopía de Forza Atómica
Estrutura dunha das moléculas modelo e a súa correspondente imaxe, obtida mediante Microscopía de Forza Atómica | Fonte: AFM (IBM Research).

Froito desta colaboración multidisciplinar integrada por físicos (IBM) e químicos (CiQUS), os científicos conseguiron determinar a estrutura molecular dunha das fraccións máis intrigantes e problemáticas deste combustible fósil: a composta por un tipo de moléculas coñecidas como asfaltenos

Os asfaltenos son compoñentes sólidos do petróleo que causan graves problemas na industria petrolífera ao bloquear tubaxes e canalizacións; de feito, coñéceselles como ‘o colesterol das refinerías’ (en clara alusión ao efecto que esta sustancia provoca nas nosas arterias). Consecuentemente, coñecer a estrutura molecular dos asfaltenos é clave para combater os seus efectos prexudiciais en pozos petrolíferos e refinerías. 

A primeira aproximación dos investigadores en Santiago e Zúric serviu para resolver un debate clásico neste campo, valéndose para isto da técnica de Microscopía de Forza Atómica (AFM). Así, o equipo responsable do traballo concluíu que a maioría de asfaltenos teñen un único núcleo aromático, rodeado de diferentes cadeas de átomos de carbono. 

Agora, un novo un traballo conxunto do CiQUS e IBM, en colaboración coa compañía petrolífera ExxonMobil, foi un paso máis aló no estudo desta intricada mestura molecular, preparando e caracterizando a nivel atómico moléculas modelo de asfaltenos, con diferentes cadeas de carbono na súa periferia. 

Os resultados facilitaron a análise de mostras naturais de asfaltenos mediante a comparación con estas novas moléculas modelo, o que permitirá dispoñer dun maior coñecemento sobre a estrutura real do petróleo. Un avance que, como recoñece a propio Peña Gil, “posiblemente terá importantes implicacións na industria do petróleo, tanto á hora da súa extracción como durante o proceso de refino”, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta