Por GC Tendencias | Pontevedra | 30/01/2017 | Actualizada ás 19:30
Xa están á venda as entradas para Pastoral. Tierra madre, a nova proposta do Ballet de Víctor Ullate, que terá lugar o 3 de febreiro ás 20.30 h na Sede Afundación Pontevedra e o 4 de febreiro no Teatro Afundación Vigo, tamén ás 20.30 h.
As entradas pódense adquirir a través das canles habituais da entidade, como en Ataquilla.com. O prezo parte de 24 euros en Pontevedra e case 19 en Vigo, máis gastos.
Trátase dunha obra composta por tres actos ben diferenciados: o primeiro reflicte a infancia e o espertar á vida; o segundo, os anos de mocidade e a experiencia do amor; e o terceiro representa a sabedoría acadada grazas á idade e ao paso do tempo. Nesta última parte, a potencia da danza terá o seu impacto no alén.
O propio Víctor Ullate comentaba sobre a peza que «a música de Beethoven sempre me inspirou, gústame a súa forza, a súa enerxía, a súa sensibilidade; con Pastoral, que simboliza a natureza, quixen render homenaxe a Ángela del Moral, compañeira no Ballet de Antonio e amiga da alma a través da que descubrín o amor».
Víctor Ullate fundou en 1988 a compañía que leva o seu nome e que acaba de cumprir vinte e oito anos de traxectoria. En 1997, incorporouse á denominación Comunidade de Madrid. Víctor Ullate é o director e conta desde 2001 con Eduardo Lao como director artístico, e o talento e o esforzo de ambos son clave para a permanencia e o éxito. Desde o momento da súa creación, o Ballet Víctor Ullate converteuse na primeira compañía privada española de nivel internacional, en canteira de bailaríns e nunha referencia para a danza en España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.