Importantes autores lanzan un novo libro sobre as Irmandades da Fala

Ánxela Bugallo, Justo Beramendi, Xosé Luis Axeitos, X. R. Freixeiro Mato ou Uxío- Breogán Diéguez son algúns dos que contribúen ao volume que se presenta hoxe.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/01/2017 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

Hoxe está prevista a presentación dun novo libro sobre os comezos do galeguismo organizado. En concreto, o volume As Irmandades da Fala, cen anos despois,  será presentado este martes, 31 de xaneiro, ás 20:00 horas no local da ONCE (Cantón Grande, 3, A Coruña).

Xusto Beramendi
Xusto Beramendi | Fonte: premiosdacriticagalicia.org

Coordinadora e relatores

A obra está editada polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e coordenada pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián. Canda ela,  os profesores Justo Beramendi e Xosé Luis Axeitos, dous dos autores, interverán na presentación.

O libro foi organizado desde o grupo ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega) da Universidade da Coruña, componse de dezaoito traballos elaborados por especialistas en diferentes ámbitos, que discorren desde as reflexións de conxunto sobre as achegas que incorporou este movemento, até a análise pormenorizada de aspectos específicos, todos eles esenciais para entender a visión totalizadora que as Irmandades da Fala propuxeron para Galiza. 

Outros autores

Colaboran tamén no volume Carlos L. Bernárdez, Carlos C. Biscainho, Ánxela Bugallo, Mª Victoria Carballo-Calero, Uxío- Breogán Diéguez, Xosé A. Fraga, X. R. Freixeiro Mato, Pilar García Negro, Emilio X. Ínsua, Xoán L. Viñas, Luis Martínez-Risco, Iolanda Ogando, Olivia Rodríguez, Ramón R. Palleiro (“Moncho do Orzán”), Xosé M. Sánchez Rei, Miguel A. Seixas e Laura Tato.

Unha das xuntazas das Irmandades da Fala
Unha das xuntazas das Irmandades da Fala | Fonte: intergalcome.uvigo.es

Contido

O volume As Irmandades da Fala, cen anos despois iníciase cunha serie de estudos que se centran na análise das liñas ideolóxicas das Irmandades da Fala, así como dalgún dos debates políticos que tiveron máis incidencia na configuración e no desenvolvemento das súas liñas programáticas (neste grupo estarían os traballos de Justo Beramendi, Xosé L. Axeitos, Emilio X. Ínsua, Uxío-B. Diéguez ou Carlos Biscainho ou L. Martínez-Risco).

A reflexión desde diversas ópticas sobre a centralidade do aspecto lingüístico vai ser o obxecto doutra parte importante dos traballos que se inclúen no libro, pois as Irmandades da Fala poñen a lingua galega no primeiro plano do debate social e político e convértena, tamén, en motivo central do activismo nacionalista en todos e cada un dos ámbitos en que desenvolven o seu labor. Así, os capítulos de Xosé A. Fraga e Ánxela Bugallo, Xosé R. Freixeiro, Xosé M Sánchez Rei ou Xoán L. Viñas van desde a análise da incorporación da lingua galega ao ámbito científico á reflexión sobre o modelo de lingua literaria. 

Na seguinte sección inclúense os estudos que desenvolven aspectos máis ligados á produción literaria en sentido amplo, por exemplo de Castelao ou Risco (P. García Negro e Olivia Rodríguez) ou, tamén, os que se ocupan dunha parte da actividade cultural de singular vitalidade no tempo das Irmandades; referímonos ao mundo das actividades escénicas, tanto ás especificamente teatrais (Laura Tato e Iolanda Ogando) como as musicais (“Moncho do Orzán”).

Finalmente, cerra o volume un grupo de artigos que pon o acento en varios aspectos que tornan evidente a vinculación entre as artes plásticas e a construción do discurso identitario nacional que caracteriza o proxecto do movemento irmandiño. Son os traballos de Carlos L. Bernárdez, Miguel A. Seixas e Mª V. Carballo-Calero.editado polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e coordenado pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián.

Intervirán neste acto, para alén da coordenadora do volume, os profesores Justo Beramendi e Xosé Luis Axeitos, dous dos autores que participan no mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 San Vicente do Pino

A foto da xuntanza foi sacada na escalinata do convento benedictino de Monforte de Lemos, hoxendía Parador de turismo.