Santiago, Ames e Teo impulsan unha estratexia conxunta contra os desafiuzamentos

Os tres concellos impulsan, en colaboración cos colexios profesionais de psicoloxía, avogacía e traballo social, un protocolo de actuación para protexer ás persoas en risco de desafiuzamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2017 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Os concellos de Santiago, Ames e Teo (A Coruña) impulsan, en colaboración cos colexios profesionais de psicoloxía, avogacía e traballo social, un protocolo de actuación para protexer ás persoas en risco de desafiuzamento. Este xoves foi presentada a iniciativa no Pazo de Raxoi coa presenza dos concelleiros de servizos sociais deste tres municipios —Concha Fernández (Santiago), Nacho Iglesias (Teo) e Luisa Feijóo (Ames)—, acompañados polos decanos dos colexios profesionais de psicólogos e traballo social, Rosa Álvarez e Gonzalo Saborido, respectivamente.

Protesta contra os Desafiuzamentos
Protesta contra os Desafiuzamentos | Fonte: CIG

O programa marca unhas pautas a seguir polas corporacións locais unha vez teñen constancia de que unha familia ou un particular se enfrontan a un proceso que pode derivar en desafiuzamento. De feito, a falta de coñecemento destas situacións é un dos "grandes problemas" á hora de actuar por parte dos concellos, xa que, en moitas ocasións, só teñen constancia diso "no proceso final".

O protocolo vira ao redor de tres eixos: en primeiro lugar, dotar de información ao afectado sobre o dereito a vivenda; tras isto, intermediar e acompañar ante a posibilidade que se aplique a perda da vivenda e, por último, dar protección á familia a través de "axuda psicosocial e axudas de garantía de solución habitacional".

A finalidade do programa é dotar dunha "folla de ruta" aos concellos para afrontar este tipo de situacións, xa que "moitas veces", en palabras de Nacho Iglesias, enfróntanse a estes casos de forma "intuitiva" e asumindo "competencias que non son propias".

Deste xeito, Ames, Santiago e Teo establecerán un proceso de colaboración para "intermunicipalizar" xunto ao tres colexios de profesionais a actuación fronte aos procesos de desafiuzamento.

UN PROCESO "PSICOLÓXICO E EMOCIONAL"

A decana do Colexio Profesional de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez, destacou que as persoas que se enfrontan a estas situacións afrontan "un proceso psicolóxico e emocional" no que deben estar "acompañadas en todo momento".

E é que, como lembrou, nos últimos anos "40 persoas" que afrontaban procesos de desafiuzamento cometeron suicidio, "moitas delas nos momentos previos" a ser desaloxadas da súa vivenda.

Por tanto, a iniciativa céntrase en establecer "protocolos eficaces e útiles" e servir como "ferramentas para os traballadores sociais" municipais para aplicar en procesos de desafiuzamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta