Como será a nova política da Xunta cos autónomos

Feijóo anuncia novos incentivos para a conciliación familiar e para facilitar a incorporación de mozos e mulleres ao mercado laboral, pero evita pronunciarse sobre os principais problemas dos autónomos; o seu sistema de tributación ou aumentar as prestacións por desemprego e xubilación.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/02/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Xunta ten unha política de autónomos que non é a que pide o sector, ou iso, cando menos, sobre o papel. O Goberno de Feijóo acaba de facer pública a nova estratexia para os autónomos de Galicia ata o 2020 que foi, en parte, a que levou no seu programa electoral pero que, non foi consultada, polo momento, coas distintas asociacións do sector. 

Feijóo no Consello da Xunta
Feijóo no Consello da Xunta

E neste novo plan, o Executivo galego aposta por incrementar as axudas aos autónomos galegos, potenciar a creación de novos autónomos, impulsar a conciliación familiar, e facilitar o relevo xeracional nun sector que representa un de cada catro traballadores en activo en Galicia; 230.000 persoas. 

De feito, Galicia ten unha maior cotización por autónomos que a media do Estado e seis de cada dez teñen xa máis de cinco anos de antigüidade. Por iso, é un “sector prioritario”, segundo apuntou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para o que o Goberno galego destinará 160 millóns; 40 por ano.

Aumentar a “tarifa plana”

Un diñeiro que se empregará, sobre todo, para impulsar medidas como o a “tarifa plana” de 50 euros durante seis meses para aquelas persoas que se dean de alta como autónomos.  Agora, a Xunta quere que sexan 18, 12 dos cales asumiría o propio Goberno galego e os outros seis, como ata agora, o Goberno español. Para esta medida terán prioridade os menores de 30 anos. Unha medida que, ademais, non exclúe a posibilidade de percibir outros 2.000 euros por novo autónomo e 4.000 se son menores de 25 anos.

Traballador autónomo
Traballador autónomo | Fonte: serautonomo.com

A Xunta tamén quere incentivar a contratación de empregados por parte dos autónomos. Así, incentivará con 5.000 euros as contratacións do primeiro traballador e con 6.000 o segundo ou terceiro traballador. 

Outra das propostas do Goberno galego é impulsar un “bono autónomo” de 3.000 euros para que os pequenos empresarios melloren a súa posición no mercado. Pero para percibilo terán que levar, como mínimo, 42 meses dados de alta no réxime de autónomos e non percibir máis de 30.000 euros ao ano. 

Feijóo tamén anunciou outra medida para mellorar a conciliación familiar dos autónomos. Actualmente, as bonificacións por paternidade ou maternidade os autónomos son 16 semanas, e a Xunta quere aumentar ese período ata as 32 semanas. Unha axuda que, en todo caso, só consistirá na asunción do 100% dos custes da seguridade social. Con todo, as baixas por maternidade ou paternidade son, actualmente, de 15 días e non de 16 semanas.

Finalmente, o Goberno galego anunciou a súa intención de afondar no programa de relevo xeracional que xa iniciou no 2014 e destinará 3,5 millóns para a formación dos autónomos. Tamén dixo que creará unha Oficina Telemática do Autónomo para “simplificar trámites” e que servirá para poder consultar todo o relativo a axudas e procesos administrativos. Os colectivos prioritarios para a Xunta son os mozos, as mulleres, os discapacitados, os autónomos que viven no rural ou aqueles que teñen familiares no paro.

Xubilacións e prestacións por desemprego

Sen embargo, Feijóo non quixo valorar a posibilidade de activar un sistema que levan anos pedindo os autónomos; as cotizacións segundo tramo de ingreso. Unha modalidade utilizada en Reino Unido ou en Holanda e que supón que os autónomos teñan que cotizar en función do que facturen. O sistema é o “máis xusto” segundo teñen apuntado diferentes asociacións de autónomos xa que tributa máis quen máis gaña e non como agora que, independentemente do que se cobre, hai que pagar case 360 euros.

Tampouco se pronunciou o presidente galego sobre outra das grandes problemáticas dos autónomos, as prestacións por desemprego ou por enfermidade, que soen ser moi baixas, así como as pensións de xubilación que tamén son das máis baixas da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta