‘RosalíaTe’, un concurso de videopoemas de 20 segundos para celebrar a Rosalía de Castro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Universidade de Vigo convocan o certame.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 13/02/2017 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía. Co gallo desta data, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o campus de Ourense da Universidade de Vigo veñen de convocar o Concurso de Videopoemas 'RosalíaTe'. Neste, convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar unha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.

A escritora e poetisa, Rosalía de Castro
A escritora e poetisa, Rosalía de Castro

A AELG celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, baixo o título 'RosalíaTe', “propón actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora fundacional da literatura galega e a través dela fomentar a conciencia como pobo, especialmente entre as xeracións máis novas”, explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa.

O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”.

Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.

PARTICIPACIÓN

Ao certame poderá presentarse calquera persoa de xeito individual ou colectivo pertencente á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, podendo enviarse só un traballo por persoa. A duración da videogravación non excederá os 20 segundos, sendo o fragmento elixido e a temática totalmente libres. 

O vídeo gravarase cun teléfono móbil coa maior resolución posible e en horizontal, aconsellándose os formatos mp4, mov, mpg, avi e wmv. Gravarase un plano fixo, sen facer zoom nin movementos bruscos, e en cor ou en branco e negro.

Desde a organización inclúen na convocatoria unha serie de suxestións creativas, como que a montaxe busque reflectir, dende propostas creativas e diversas, o universo lírico e paisaxístico da obra de Rosalía de Castro. Tamén animan a que as achegas recollan elementos visuais propios da súa obra ou que se refiran a ela, dende calquera punto de vista, e que recollan o patrimonio natural e cultural do campus de Ourense.

Para incidir na accesibilidade universal e a integración social, nas bases do certame indícase que pode resultar suxestivo incluír a linguaxe de signos ou a escrita nas propostas, citando como exemplo escribir algunha palabra ou verso en cartolinas que sexan lexibles ou nalgunha parte do corpo. Nas achegas pode aparecer máis dunha persoa compartindo a estrofa seleccionada e pódese experimentar con planos distintos.

PREMIOS

Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionará os traballos pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares.

Os premios consistirán en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do campus de Ourense. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e se exhibirá posteriormente na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais. Os traballos poden enviarse ata o día 21 de febreiro de 2017, informa Rosa Tedín dende a UVigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ángel Ugarte

Foi unha competición moi especial, estou participando no concurso comandos Raiola e non o panda dende aquí e vai moi ben. Un saúdo.

1 RubiusOMG in degueto

Uau! desborda orixinalidade o concurso! Xa vexo as ordas de youtubers facendo videos a cascoporro. Os videos terán a mesma gracia que se fose só un audio. Se aínda se puidese facer rap!