Duarte dille á xuíza que o atraso nas sancións era porque buscaba seguridade xurídica

O concelleiro de Compostela Aberta imputado declara ante Ana López-Suevos durante máis de tres horas, respondendo todas as preguntas. Jorge Duarte confía en que non haxa xuízo oral e elude aclarar que faría nese caso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2017 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, asegurou estar "tranquilo" e "contento" tras declarar este mércores en calidade de investigado por posible prevaricación administrativa ante a xuíza Ana López-Suevos, á que esclareceu que "non houbo trato de favor" na tramitación dos expedientes de sanción a varios locais de lecer da cidade, polo que confía no arquivo do caso.Así o dixo Duarte aos medios tras prestar declaración durante máis de tres horas e media nos xulgados de Santiago, nos que estaba citado para declarar como investigado no caso que se instrúe para pescudar se cometeu trato de favor con algúns establecementos de lecer nocturno da cidade por mor dunha denuncia.  Dous dos locais supostamente beneficiados son o Tarasca e o Momo.

Duarte mostra nunha rolda de prensa un dos expedientes polos que está imputado
Duarte mostra nunha rolda de prensa un dos expedientes polos que está imputado | Fonte: EP

PÍDELLE A XUÍZA QUE APURE

Á súa saída, o edil dixo estar "moi contento" por "poder declarar despois de seis meses de espera", desde que solicitou comparecer ante Fiscalía para "poder esclarecer todas as dúbidas que poida haber e botar luz sobre esta investigación".

"Eu creo que hoxe deixei ben claro e explicado que non houbo ningún trato de favor", resumiu o concelleiro, que criticou que o caso "non se desenvolvese con maior celeridade" e pediu que "se acelere o máximo posible" a investigación para "non estar sometido a un xuízo paralelo".

MAIOR "SEGURIDADE XURÍDICA"

Durante a súa comparecencia xudicial, Jorge Duarte contestou a todas as preguntas e apuntou que "cando algún expediente tiña algún atraso" debíase a que el consultaba "aos técnicos para saber se as infraccións eran graves ou moi graves" ou "se estaban motivadas ou xustificadas". "O que sempre buscaba era que os técnicos achegasen a maior seguridade xurídica e que as decisións quedasen claras", resumiu o concelleiro.

Duarte afirmou sentirse "tranquilo" e "confiado" e ter "a conciencia moi tranquila" sobre a súa actuación, polo que espera que se produza "un arquivo canto antes". "Todo o que fixen este tempo creo que tiña unha fundamentación na maior seguridade xurídica e non me arrepinto de como foi a declaración".

DIMITIRÁ SE TEN QUE IR A XUÍZO?

Preguntado polos medios, Duarte non quixo aclarar se, no caso de que se abrise un xuízo oral, dimitiría como edil e limitouse a reiterar que a súa declaración "arroxou moitas luces". "O que hai que ir é vendo como van os pasos", apuntou, "creo que non debería seguir este procedemento máis aló".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Hermerico

Pois agora poderás enterar-te de como expedientes do tempo do PSOE-BNG e do PP saíram da gaveta oportunamente para acompanhar aos que os lambecús da Santulhano se encarregárom de abrir com umha campanha de assédio contra locais desafectos ao regime.

1 De piedra

Vaia, así que hai un concelleiro de Compostela Abiertísima imputado por prevaricación. Eu é que non me enterara. Como só leo Praza Pública, e alí nunca publicaron unha letra sobre isto do Tarasca. Debe ser que os xuízos por prevaricación son importantes se non afectan aos nosos.