“En Galicia temos institucións en investigación mariña recoñecidas internacionalmente”

O Centro Oceanográfico de Vigo celebra este ano o seu centenario como a institución de investigación mariña máis antiga do noroeste de España. Co gallo deste aniversario, falamos coa súa directora, Victoria Besada.

Por Alberto Quian | Vigo | 24/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Son poucas as institucións científicas que poden presumir de levar un século á vangarda da investigación en Galicia e España. Este é o caso do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), fundado en 1917. Co gallo deste centenario, este xoves presentouse un programa de actividades co que durante todo 2017 se conmemorará un século de historia do centro con exposicións, xornadas de portas abertas ás súas instalacións, visitas a buques oceanográficos e moitas outras actividades. Sobre o seu frutuoso pasado, o seu intenso presente e o seu apaixoante futuro falamos nestra entrevista coa súa directora, Victoria Besada.

Buque 'Ramón Margalef', do Instituto Español de Oceanografía, con base en Vigo
Buque 'Ramón Margalef', do Instituto Español de Oceanografía, con base en Vigo | Fonte: IEO.

Cen anos de vida do Centro Oceanográfico de Vigo convérteno en patrimonio histórico-científico da cidade e de Galicia?

Considero que así podemos considerarnos. Somos o centro de investigación mariña máis antigo do noroeste de España e ao longo destes anos levamos a cabo investigacións mariñas punteiras tanto a nivel nacional como internacional.

Que fixo o Centro por Vigo e por Galicia?

O Centro, desde os seus primeiros tempos, orientou as súas investigacións ao servizo da solución dos problemas dos principais sectores produtivos: a pesca e a acuicultura. Realizáronse grandes esforzos para coñecer os recursos vivos e poder asesorar tanto as Administracións como ao sector pesqueiro. Tamén se realizaron numerosas campañas de prospección en moitos países e caladoiros para buscar novas especies pesqueiras.

Victoria Besada, directora do Centro Oceanográfico de Vigo
Victoria Besada, directora do Centro Oceanográfico de Vigo | Fonte: IEO.

"O Centro ten demostrado unha gran capacidade de resposta ante situacións xeradas polas verteduras no mar, como foron os accidentes marítimos".

Foi pioneiro en España coa súa rede de vixilancia no estudo das mareas vermellas, sendo un centro de referencia internacional. Tamén foi pioneiro no desenvolvemento da acuicultura, xogando un papel moi destacado no inicio do cultivo de especies como o rodaballo, o ollomol ou o polbo.

No laboratorio de Vigo profúndase na mellora do coñecemento da dinámica mariña e dos procesos oceanográficos, así como na vixilancia e avaliación da contaminación mariña ao longo da costa española.

O Centro tamén ten demostrado unha gran capacidade de resposta ante situacións xeradas polas verteduras no mar, como foron os accidentes marítimos: Polycommander, Monte Urquiola, Casón, Mar Exeo e Prestige, achegando o seu coñecemento, medios e equipos ao servizo público.

No laboratorio formáronse moitas xeracións de investigadores e técnicos de todas as disciplinas relacionadas co medio mariño.

"Aos científicos, en ocasións, énos difícil explicar o que facemos nunha linguaxe sinxela que poida ser entendible para a sociedade".

Téntase potenciar a relación do Centro coa cidadanía? En que liñas traballan? Cren que existe realmente unha conciencia cidadá sobre a radical importancia do Centro para a cidade e a súa contorna, e para Galicia?

Aos científicos, en ocasións, énos difícil explicar o que facemos nunha linguaxe sinxela que poida ser entendible para a sociedade. Todas as actividades que imos realizar este ano supoñerán unha oportunidade única para comunicar e divulgar de forma innovadora, atractiva e imaxinativa os traballos de investigación á poboación.

Esperamos que despois deste ano a cidadanía coñeza e valore o noso traballo e a repercusión do mesmo na sociedade.

E as administracións públicas locais, provinciais e autonómicas, implícanse o suficiente co Centro?

Temos moi boa relación con todas as Institucións e un exemplo é que o Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Fundación Marco, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia están a colaborar connosco para a realización das actividades do centenario. Ademais, outras Institucións e organizacións ofrecéronnos tamén o seu apoio.

Como é a relación co seu centro irmán na Coruña? 

Excelente. Unha das fortalezas do Instituto Español de Oceanografía é a extraordinaria colaboración entre os seus diferentes centros para realizar proxectos conxuntos.

E con outras institucións e entidades ou organizacións? Por exemplo, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, a Universidade, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), o Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) ou o Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI- Instituto para o estudo dos golfiños mulares). Manteñen algún tipo de colaboración? Consideran necesario estreitar lazos?

Participamos conxuntamente con moitas delas en diversos proxectos de investigación. En ciencia é moi difícil alcanzar logros sen a colaboración dos demais centros que traballan nas túas mesmas áreas de coñecemento. En Galicia temos a sorte de contar con todas estas institucións que levan a cabo unha investigación mariña de gran calidade e recoñecida internacionalmente.

"O Centro ten un excelente programa de vixilancia e avaliación da contaminación mariña".

Falemos da conexión internacional e, especialmente, europea do Centro. Como evolucionou no tempo e que esperan a curto e medio prazo?

O Centro e os seus investigadores levaron a cabo na cidade importantes foros científicos, pero tamén asistiron a reunións e grupos de traballo en todo o mundo e pretendemos seguir achegando o noso coñecemento nos mesmos.

Científicos do Centro ocuparon postos relevantes en foros internacionais como o Consello Internacional para a Exploración do Mar, Comité Científico Técnico e Económico da Pesca da Unión Europea, a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico, Nacións Unidas ou a Comisión Oceanográfica Intergobernamental.

Ademais, os investigadores do Oceanográfico de Vigo están a participar en moitos proxectos europeos conseguidos en convocatorias competitivas.

Algúns científicos cren que o Brexit beneficiará o resto de países e os seus centros de investigación no que se refire á repartición de financiamento e de proxectos de investigación, xa que consideran que haberá máis repartición entre os demais Estados membros da UE. Veo así?  

Non sabemos como poderá afectar. Actualmente temos moitos proxectos de investigación en colaboración con institucións do Reino Unido que poderían verse afectados polo Brexit.

Falemos agora de distintas áreas de actuación, empezando pola contaminación mariña. Cales son os principais problemas que hai que afrontar e as liñas de actuación do Centro?

O Centro ten un excelente programa de vixilancia e avaliación da contaminación mariña, o cal permite dispoñer de importantes series históricas de contaminantes en organismos e sedimentos mariños para observar a evolución espazo/temporal da contaminación ao longo da costa española. Ademais, lévanse a cabo unha serie de actividades cuxo obxectivo é o seguimento biolóxico da contaminación, dentro do monitoring integrado dos programas de vixilancia da contaminación mariña.

Respecto da presenza de novas especies nas rías, algunhas delas exóticas introducidas por diferentes vías, que liñas traballan?

Respecto ao fitoplancto das rías, as mostraxes de series temporais e proxectos do IEO de Vigo contribúen a caracterizar as poboacións e especies habituais nas rías (con especial atención aos organismos tóxicos), nas distintas épocas do ano, así como e a súa evolución ao longo do tempo relacionada con factores oceanográficos e climáticos. Esta información constitúe unha liña de base esencial para detectar alteracións nas poboacións do plancto mariño inducidas por factores naturais ou a acción do home, fundamental para elaborar modelos predictivos que nos permitan anticipar as súas tendencias e os riscos futuros que delas se deriven para as actividades humanas relacionadas co mar.

"Os nosos esforzos científicos enfócanse no coñecemento dos recursos pesqueiros e asesoramento para o seu uso sustentable, na procura de novas posibilidades de pesca". 

Por onde van os seus traballos respecto ao cambio climático?

Están a realizarse diversos estudos para observar as variacións que se producen nos ecosistemas mariños e nas súas comunidades como consecuencia do cambio climático.

De que maneira contribúe e poderá contribuír no futuro o Centro para mellorar e preservar un sector estratéxico para Galicia, en xeral, e para Vigo, en particular, como é a pesca? 

A creación do centro en Vigo foi debido, fundamentalmente, á inquietude social ante un problema que preocupaba, nos primeiros anos do século XX, aos sectores produtivos e á poboación en xeral, como era a crise da sardiña, polas súas consecuencias sobre a economía e o emprego. Desde entón sempre realizou unha investigación moi próxima a este sector produtivo. Os esforzos científicos enfócanse no coñecemento dos recursos e asesoramento para o seu uso sustentable, na procura de novas posibilidades de pesca (campañas de prospección en moitos países e caladoiros), asesoramento ás administracións e acompañamento ao sector pesqueiro en negociacións internacionais, como as da Unión Europea.

Como é a súa relación co sector pesqueiro? Existen conflitos ou criterios diferentes? 

Temos moi boa relación co sector, que colabora en moitas ocasións connosco en diferentes proxectos. 

E na acuicultura? Por onde van os seus traballos?

O obxectivo xeral da Planta Experimental que temos no Centro é a mellora e/ou o desenvolvemento da zootecnia de especies mariñas con aplicación práctica para a industria. Na actualidade trabállase con cherna, pescada, rodaballo, linguado, ollomol e polbo. 

Cales van ser as liñas de actuación futuras prioritarias?

As liñas de actuación futuras serán marcadas polo Plan Estratéxico do IEO.

Como imaxina o Centro Oceanográfico de Vigo dentro doutros cen anos?

É moi difícil saber como evolucionará a ciencia ou a sociedade nos próximos cen anos. Só espero que cando cumpramos 200 anos se poida volver a vista atrás e poder observar que seguimos ampliando os retos na investigación e resposta ás necesidades da sociedade nas materias relacionadas co medio mariño.

Centro Oceanográfico de Vigo
Centro Oceanográfico de Vigo | Fonte: IEO.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

De entrada a Directora Victoria non parece ser moi boa COMUNICADORA pois nesta entrevista case son máis importantes as PREGUNTAS que as respostas...? En canto ás redes sociais non son precisamente moi atractivas falta Twitter... e neste vídeo conmemorativo semella que estamos máis ante unha Institución Decimonónica que outra cousa... https://youtu.be/s_6C6xYHqYo Ogallá os actos de DIVULGACIÓN teñan máis publicidade e interese do que ofrece a Directora nestas liñas...!!! http://www.ieo.es/web/vigo/centenar... Pregúntome se o COV sabe algo sobre a CONTAMINACIÓN NA RÍA DE VIGO xa que levamos gastados máis de 180 Millóns e seica os CERTIFICADORES do estado de depuración das augas son DESCOÑECIDOS ? https://flic.kr/p/QpAGAj Sería bo saber se investigamos o que temos a carón da casa ou é cousa de viaxar a Terranova mentres en Vigo miramos cara ás Cíes...?

2 Científico mariño

Penso que a cidadanía, en xeral (como o do comentario de abaixo, "Leike"), aínda non é consciente do enorme valor e das importantísimas aportacións deste centro. Un século de historia ao servizo de Galicia e do seu recurso máis importante, a mar. É marabilloso ver que un xornal lle dá a importancia que teñen este centro e os seus investigadores. Grazas.

1 Leike

Ay, que bien! "El Noroeste de España". Como en tiempos del Caudillo!