O Colexio de Xornalistas solidarízase cos traballadores do Grupo Correo Gallego e esixe o pagamento das nóminas

Lembra que o persoal leva sufrindo varios anos de atrasos nos cobros, tres ERE's e, neste momento, adebédanselles as nóminas desde o mes de outubro de 2016.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/02/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solidarízase co persoal do Grupo Correo Gallego, que reclama o pagamento das case seis nóminas que se lles adebedan, e expresa a súa preocupación polas súas condicións laborais. 

José Manuel Rey Novoa, director de El Correo Gallego
José Manuel Rey Novoa, director de El Correo Gallego | Fonte: lacapitalmd

Tal e como informou Galicia Confidencial, os traballadores do Grupo Correo Gallego concentrábanse este mércores ás 18:00 horas diante da sede da empresa, na primeira acción pública para reclamaren o pagamento dos seus salarios. Unha acción na que segundo puido saber GC participaron máis dun terzo da plantilla e que veu precedida por unha carta do director do medio no que animaba aos seus traballadores a non acudir a esa protesta.

“Con todo, non se trata dun problema novo, posto que o persoal leva sufrindo varios anos de atrasos nos cobros, e neste momento adebédanselles as nóminas desde o mes de outubro de 2016. A esta precaria situación económica súmanse xa tres Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, por causa dos cales os traballadores consumiron ao longo de seis anos boa parte das prestacións por desemprego ás que teñen dereito, ademais de varios recortes de persoal e rebaixas salariais”, apunta o CPXG nun comunicado.

Este órgano lembra que os medios de comunicación están postos en marcha polo traballo de persoas que precisan dunhas condicións laborais dignas”. A falta de pagamentos, a perda de poder adquisitivo e, en xeral, a precarización do persoal dos medios atenta directamente contra o dereito á información que ten a cidadanía”, suliña. Por todo iso, o Colexio de Xornalistas insta ao Grupo Correo Gallego a abonar as cantidades que se adebedan ao persoal, “permitindo deste xeito que o traballo dos comunicadores se desenvolva nunhas condicións dignas que garantan o exercicio do xornalismo e a liberdade de expresión”.

O grupo de comunicación engloba o xornal El Correo Gallego, a canle de televisión Correo TV, a emisora Radio Obradoiro e a consultora de comunicación Anova Consulting, ademais dos sitios web elcorreogallego.es e galiciahoxe.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Don Pimpón

¿Que nóminas? Si en su carta el presidente de El Correo ha aclarado que va todo DPM! Nave nueva, revista nueva, inversores a tutiplen...