Por gcdeportes | Compostela | 26/02/2017 | Actualizada ás 00:21
Ficha técnica
Obradoiro 86: Mickey McConnell (14), Dulkys (5), Bendzius (20), Whittington (23) e Artem Pustovyi (3) –cinco inicial- Matulionis (5), Nacho Llovet (5), Santi Yusta (8), Adam Pechacek (3), Pepe Pozas (0) e Fran Cardenas (0).
Andorra 84: Andrew Albicy (11), David Navarro (11), Walker (5), Beka Burjanadze (18) e Shermadini (13) –cinco inicial- Thomas Schreiner (0), Stevic (16), Jelinek (7), Czerapowicz (0) e Antetokounmpo (3).
Parciais: 14-14, 19-9 (33-23), 10-21, 18-17 (61-61), 9-9 (70-70), 16-14 (86-84).
Árbitros: Martín Bertrán, Castillo e Antonio Sacristán. Eliminaron por cinco faltas persoais a Artem Pustovyi e Whittington.
Incidencias: partido da 22ª xornada da Liga ACB disputado no Multiusos Fontes do Sar ante preto de 5.000 espectadores.
Sen Corbacho, sen Txemi Urtasun e sen Rosco Allen, o último en caer; tras 50 minutos e dúas prórrogas, xa sen Pustovyi e Whittington en pista; malia o pésimo 5/29 en triplas (17%); con falta na última posesión andorrana, pero Obradoiro xa ten a sexta, imprescindible e vital no camiño cara a permanencia. Liderado por Bendzius, 20 puntos e autor da canastra decisiva, e Shayne Whittington, 25 puntos en 25 minutos, os composteláns tumbaron a Andorra por 86-84 en Sar. A sexta vitoria para empatar con Joventut e UCAM Murcia, que recibe o Betis este domingo.
Acabou en táboas o primeiro cuarto. Andorra comezou con dúas triplas (Burjanadze e Walker para o 2-6), pero Obra tomou a iniciativa (12-9, 14-11) ata que estivo tres minutos sen anotar. Antetokounmpo cun 2+1 puxo o 14-14 tras dez minutos. Pouco acerto e moitos erros no arrinque do segundo acto. Tras cinco minutos, 20-18; Obradoiro apertou en defensa e Andorra non volveu anotar en xogo antes do descanso (só cinco tiros libres). Parcial de 9-0 e os composteláns gañaban 29-18. No tempo de lecer, 33-23.
O terceiro cuarto foi de Andorra, e Obradoiro desperdiciou a vantaxe que traía. Dun 39-30 a prol dos composteláns, a un 41-38. Os galegos estaban atascados en ataque, e Andorra, tras un parcial de 10-21, deulle a volta ao marcador ao final do terceiro cuarto: 43-44. Unha tripla de Albicy puxo o 45-50, pero Mickey McConnell respostou cunha tripla e unha xogada de 2+1 para poñer o 51-50. De novo Andorra abriu un pequeno oco (54-59) tras un parcial de 0-5 e só dous minutos e medio por disputar. Bendzius exerceu de líder e forzou a prórroga (61-61) tralo erro de David Navarro na última posesión.
No tempo extra, Whittington anotou a primeira canastra (63-61), pero un parcial de 0-8 con triplas de Burjanadze e Albicy deron vantaxe a Andorra (65-69). Desta volta foi Whittington quen liderou o Obra para empatar o partido 70-70 e forzar a segunda prórroga. Estando por baixo no marcador, Bendzius anotou cinco puntos consecutivos (79-78) e Whittington unha tripla (82-80). Albicy empatou (82-82), Bendzius anotou dous tiros libres; Burjanadze empatou de novo (84-84), pero Bendzius sumou a canastra da vitoria. A última posesión de Andorra non entrou e Sar celebrou a vitoria ao berro de "Obra, Obra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.