Un estudo cuestiona a eficacia das accións policiais contra Resistencia Galega

Unha investigación de Mikel Buesa e Thomas Baumertb demostra que tan só o 54% das detencións acabaron nalgún tipo de sanción legal e que a disuasión "provoca unha reacción negativa de novos ataques cando se apunta ao núcleo do grupo". O estudo cifra en case 3 millóns de euros os danos causados por Resistencia Galega, unha cantidade que "non é importante", segundo os analistas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Só o 54 por cento das detencións policiais de presuntos membros de Resistencia Galega resultaron en sancións legais. Ou dito doutro xeito: case a metade dos detidos galegos polas Forzas e Corpos de seguridade do Estado como supostos terroristas non foron, que se saiba, declarados culpables de ningún delito relacionado coa banda. Un dato que cuestiona a eficacia das operacións antiterroristas en Galicia. Así o demostra un estudo científico sobre a actividade de Resistencia Galega e as medidas adoptadas polo Estado español contra este grupo armado. A investigación, publicada na revista internacional Terrorism and Political Violence, está asinada por Mikel Buesa —catedrático de Economía Aplicada da Universidad Complutense de Madrid e director da Cátedra de Economía del Terrorismo do Instituto de Análisis Industrial y Financiero— e Thomas Baumertb —profesor de Política Económica, Estatística Aplicada á Psicoloxía e Contorna Económica Internacional  no Centro de Enseñanza Superior Cardenal Cisneros, adscrito á Complutense—.

Detencion dun independentista durante a Operación Jaro, que o Estado vincula con Resistencia Galega
Detencion dun independentista durante a Operación Jaro, que o Estado vincula con Resistencia Galega | Fonte: Diario Liberdade

Buesa e Baumertb analizan no seu estudo as actividades de Resistencia Galega dende 2001 e a resposta policial ás súas accións. Os autores parten da premisa de que "Resistencia Galega é un claro exemplo dun grupo terrorista incipiente ou embrionario" e "alimentado por militantes de asociacións anteriores vinculadas a Organizaçom para a Liberaçom Nacional, activas nos anos setenta e oitenta, como a Loita Armada Revolucionaria, A liga Armada Galega, ou o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive".

Na súa análise sobre a natureza e organización deste grupo, apuntan a que "Resistencia Galega aspira a converterse no brazo armado dun movemento de liberación nacional formado por grupos especializados en diferentes ámbitos de acción política e dirixido por un partido que aínda non se constituíu". Para Buesa e Baumertb, isto significa que o liderado político é exercido, "polo menos temporalmente", polo propio grupo, que "non só está a cargo da loita armada, senón tamén da actividade política da Organizaçom para a Liberaçom Nacional".

CAPACIDADE PARA AMPLIAR A SÚA BASE

Malia que os recursos dispoñibles para Resistencia Galega "son aínda relativamente limitados", Buesa e Baumertb estiman que probablemente irán crecendo e, polo tanto, aumentando a capacidade da organización. Así, lembran que "en 2007, o número de militantes de Resistencia Galega se estimaba en entre 20 e 25 membros", cifra que aumentou a "40 catro anos máis tarde". Ao mesmo tempo, recordan que o número de persoas detidas como presuntos membros de Resistencia Galega e dos seus grupos afíns ascendeu a 109 entre os anos 2002 e 2015, "a maioría deles directamente integrados" no grupo.

Acusados de seren membros de Resistencia Galega no xuízo na Audiencia Nacional
Acusados de seren membros de Resistencia Galega no xuízo na Audiencia Nacional | Fonte: TVG.

"Isto implica que o grupo terrorista ten a capacidade de rexenerar e ampliar a súa base militante, a pesar dos esforzos en contra das forzas de seguridade españolas", din.

Un punto clave é o do seu financiamento, sobre o cal existe "escasa información", a cal "apunta a que a súa principal fonte de ingresos son as achegas de militantes e simpatizantes, así como a venda de merchandising e a organización de concertos de música e eventos similares", expoñen os autores do estudo, que engaden: "Con todo, os recursos obtidos por este medio parecen ser moi limitados e parece altamente improbable que o grupo poida contar con membros 'desvinculados' apoiados unicamente polo grupo".

2,9 MILLÓS DE EUROS EN DANOS

Desde o punto de vista operativo, as accións perpetradas por Resistencia Galega consisten principalmente en "explotar dispositivos de gama baixa ou lanzar bombas incendiarias contra oficinas públicas e privadas", sinalan os investigadores. Con todo, salientan que "como isto case sempre se fai fóra das horas laborais, o risco de vítimas minimízase". Esta estratexia de danos materiais, contra os danos persoais que si practicaron grupos como ETA, sería debida "á repulsión xeral da sociedade galega pola violencia política", segundo os analistas: "Ata o momento o grupo limitou —cunha excepción— as súas accións para causar danos materiais, pero sen prexuízo persoal", aportan.

Entre os anos 2001 e 2015, Buesa e Baumertb contabilizaron 149 ataques cometidos polo grupo, é dicir, "unha media de 9,93 por ano", sendo o sector empresarial o principal obxectivo. E calcularon, ademais, os custos económicos destas accións: "Estimamos que o dano causado durante este tempo foi, polo menos, de 2,9 millóns de euros". Porén, consideran que "a cantidade non é importante".

"As principais vítimas destes ataques foron empresas, que representan un terzo dos danos, seguidas polos partidos políticos, os sindicatos e as asociacións comerciais e, en menor medida, personalidades social e politicamente importantes", detallan.


Número de accións perpetradas por Resistencia Galega e outros grupos separatistas galegos e os danos causados en miles de euros (2012), entre 2001 e 2015 | Fonte: Mikel Buesa e Thomas Baumert.

POUCA EFICIENCIA POLICIAL

No que se refire á análise da actividade policial contra Resistencia Galega e a súa contorna, Buesa e Baumertb puideron comprobar que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado mantiveron "un perfil baixo ata 2008", ano a partir do cal se intensificaron as accións policiais, "culminando coa creación dun grupo de traballo especial", subliñan.

"A eficiencia relativa destas accións policiais en termos de porcentaxe de detencións que finalmente resultaron nunha sanción legal foi do 54 por cento".

En total, segundo as cifras aportadas polos investigadores, producíronse 109 arrestos contra presuntos membros do grupo armado até finais de 2015, tempo no que remata este estudo. Con todo, salientan que "a eficiencia relativa destas accións policiais en termos de porcentaxe de detencións que finalmente resultaron nunha sanción legal foi do 54 por cento". É dicir, case a metade das detencións policiais foron de persoas ás que non se lles recoñece publicamente vínculo algún con Resistencia Galega.

"Debe lembrarse que no 22 por cento dos casos non hai información dispoñible e que as detencións que terminaron en liberdade sen cargos representan o 31 por cento", aportan os autores do estudo.


Eficiencia dos arrestos de presuntos membros de Resistencia Galega pola Policía e a Guardia Civil. As porcentaxes son de arrestos que resultaron en sancións legais | Fonte: Mikel Buesa e Thomas Baumert.

A idea central do estudo foi comprobar se a hipótese acción-reacción se cumpre xa nas primeiras etapas embrionarias de Resistencia Galega. "A pesar da brevidade das series temporais dispoñibles e das deficiencias que isto significa en termos de poder executar modelos moi simplificados, os resultados obtidos demostran que a hipótese se cumpre efectivamente, pero con matices importantes", explican os analistas.

Así, observaron que "o aumento do número do 'núcleo duro' de Resistencia Galega —é dicir, "aqueles cuxo compromiso é o suficientemente claro como para dar lugar a unha sanción legal"— provoca unha reacción inmediata dos terroristas, que intensifican a súa actividade".

Os investigadores tamén subliñan que "cantos máis ataques se producen, máis pistas deixan os terroristas, facilitando así o traballo das forzas de seguridade, o que lles permite aumentar o número de detencións (tanto en cifras totais como nas que resultan en casos legais) durante o mesmo trimestre (en termos totais) e durante o seguinte".

Con todo, un punto relevante probado polo seu modelo de análise é que, "unha política de disuasión máis forte dirixida á periferia do grupo terrorista ou a súa órbita de simpatizantes (cuxa relación co grupo aínda non é o suficientemente forte como para permitir ao poder xudicial admitir cargos contra eles), diminúe significativamente o número de ataques durante o trimestre seguinte", apuntan.

As accións policiais dirixidas ao núcleo duro de Resistencia Galega "causan unha reacción aínda máis hostil", segundo os analistas.

Este resultado, segundo os investigadores, "parece encaixar co de estudos previos, centrados en grupos dun nivel de desenvolvemento máis avanzado".

De acordo cos seus resultados, aseguran que se pode concluír que "as políticas de disuasión dirixidas contra a 'periferia' dun grupo terrorista poderían ter maiores repercusións en termos de redución de accións que as dirixidas ao núcleo do grupo", xa que, aseveran, "de feito, teñen o efecto oposto, pois causan unha reacción aínda máis hostil".

Polo tanto,  Buesa e Baumertb confirman que, "de novo, a disuasión non funciona" cando a acción se dirixe ao núcleo do grupo.

"Isto tamén implicaría que as operacións dirixidas ao núcleo deberían ser sempre a gran escala, a fin de minimizar a reacción terrorista. Con todo, non ignoramos o feito de que os nosos resultados poderían non ser necesariamente extrapolados a calquera outro grupo terrorista embrionario" e que "as políticas de disuasión poderían ser aínda máis eficaces en combinación con outras estratexias", argúen.

Finalmente, conlúen que Resistencia Galega é un "grupo terrorista emerxente ou embrionario que, con todo, foi crecendo de forma lenta pero constante ao longo do tempo e podería experimentar un cambio cualitativo, converténdose nun problema máis persistente e máis grande do que actualmente é".

Segundo os investigadores, "este risco podería mesmo agravarse pola maior atención que este grupo recibe nos medios de comunicación españois unha vez que o cesamento do fogo de ETA fixo que os terroristas vascos case desaparezan dos titulares e que Resistencia Galega estea 'consolidada' polo establishment político nacionalista de Galicia", manteñen os analistas, que sinalan aos membros do Bloque Nacionalista Galego e de Anova-Irmandade Nacionalista que declararon nun dos xuízos contra presuntos membros de Resistencia Galega.

MÁIS ATENCIÓN SOBRE RESISTENCIA GALEGA

Resistencia Galega vén gañando cada vez máis atención nos últimos anos non só por parte das forzas policiais e a xustiza españolas, ou dos medios de información. O grupo armado tamén ten sido obxecto de análise de varios estudos académicos e tamén da maior axencia de intelixencia global privada, Stratfor, coñecida por ser obxecto da maior filtración de documentos secretos de WikiLeaks, no ano 2012, cando a organización liderada polo hacker australiano Julian Assange se fixo con arredor de cinco millóns e medio de correos electrónicos de Stratfor. GC colaborou con WikiLeaks naquelas filtracións masivas a través de Alberto Quian, doutor en Investigación en Medios de Comunicación, experto en cultura hacker e hacktivismo e convidado pola organización de Assange a acceder á súa base de datos.

Daquela, GC revelou documentos que mostraban que Resistencia Galega está a ser obxecto de atención por parte dos analistas de Stratfor, pero tamén, por exemplo, de Scotland Yard e os seus expertos antiterroristas. O interese sobre a crecente actividade de Resistencia Galega e a debilidade de ETA fixeron repensar aos analistas de Stratfor a cuestión da loita armada no Estado español no ano 2011. Un analista desta compañía de intelixencia global, sita en Texas, aconselleu facer un seguimento ao grupo separatista galego, ao que se lle atribuían supostos vínculos con ETA.

Na enorme base de datos que creou WikiLeaks cos correos electrónicos de Stratfor atopamos tamén un documento de Scotland Yard sobre a situación do terrorismo no mundo. Neste documento, creado o 21 de maio de 2007 polo oficial de Intelixencia Tim Anderson. tamén se dá conta da actividade de Resistencia Galega. En concreto, estaba en mans de Fred Burton, vicepresidente de Intelixencia de Stratfor, quen o enviou o 22 de maio a unha lista de contactos vip, entre os que se atopaban o director executivo e xefe de Intelixencia da compañía estadounidense, George Friedman —fundador de Stratfor— e Don Kuykendall, presidente da xunta da compañía.

Titulado 'Terror Times' ('Tempos de terror'), o documento é un informe semanal do The Metropolitan Police Service Counter Terrorism Command, coñecido tamén como o SO15, creado para protexer a Londres e o Reino Unido da ameaza terrorista. Neste documento, Tim Anderson recollía unha información do 16 de maio de 2006, titulada 'Radical separatists claim responsibility for industrial estate bomb' ('Separatistas radicais reivindican a responsabilidade da bomba nunha nave industrial'). A información facía referencia á desactivación por parte dos TEDAX dun artefacto explosivo no polígono industrial do Ceao, en Lugo. No mesmo texto se informaba tamén de que unha semana antes "o grupo radical Resistencia Galega se atribuíu a responsabilidade da colocación dun dispositivo moi similar nunha obra de construción en Pontevedra".

O certo é que Stratfor viña facendo un seguimento ao movemento separatista galego. Así, por exemplo, nun informe desta axencia de 2010 cualificouse como "leve" o movemento secesionista en Galicia. O documento salientaba que "dende 1990 o BNG foi abandonando o discurso separatista". O informe foi enviado o 28 de xullo de 2010 pola informante Elodie Dabbagh á sección de análise para Eurasia de Stratfor Global Intelligence. Neste correo electrónico, enviado co asunto "[Eurasia] TASKING - Secessionism", Dabbagh cualifica as principais correntes independentistas en Europa, iniciando o seu informe cunha sucinta análise da situación do nacionalismo galego.

Xa en Galicia, Resistencia Galega e o independentismo foron tamén obxecto o pasado ano dunha tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela centrada no tratamento que se lles dá nos medios de información. A súa autora, Helena Domínguez García, baseándose nos resultados obtidos na súa análise, acusou aos medios dominantes de ser aparatos de propaganda ao servizo do Goberno central sobre este tema.

Os datos analizados na súa investigación permitiron a Domínguez concluír que o fenómeno de Resistencia Galega foi claramente "instrumentalizado polo Partido Popular para atacar as expresións democráticas do nacionalismo galego, representadas por AGE e o BNG".

A isto contribuíron os articulistas da prensa dominante, que "recorreron a estratexias de extensión do terrorismo para contaminar expresións sociais e políticas antagónicas ás do seu grupo". "Esta práctica rexistrou unha presenza do 25% sobre o total de artigos de opinión de La Voz de Galicia e dun 41% no ABC", aportou a autora como exemplos.

Presentación do manifesto en solidariedade cos condenados por pertenza a Resistencia Galega no Pichel, en Santiago
Presentación do manifesto en solidariedade cos condenados por pertenza a Resistencia Galega no Pichel, en Santiago | Fonte: ceivar.org.
Activistas de Ceivar con fotos dos acusados de ser parte de Resistencia Galega durante unha manifestación en Santiago
Activistas de Ceivar con fotos dos acusados de ser parte de Resistencia Galega durante unha manifestación en Santiago | Fonte: ceivar.org.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

4 Rosalía magister

Interesante estudio. Queda claro que contra los fanáticos del nucleo duro hay que ir a por todas. Y de paso los papis de los niñatos que coquetean con ellos entre canuto y raya, se asustan y empiezan a vigilar a sus vástagos, o dejarlos sin paga y sin deportivo de weekend

1 Serio

Pero de que escribes? Que parvadas comentas? Que andrómenas son esas de weekend e drogas? Ah, que falas da túa vida! Vale, si, estou dacordo: deberías deixar as drogas, polo menos antes de vir comentar nada. Saúdo.

3 Resistente Galego

Ou sexa, se só a metade recibiron penas, e á marxe de que os xuízos fosen ou non xustos, algo que habería que estudar, resulta que hai moitos arrestos indiscriminados contra persoas do mundo do independentismo galego. Persecución!!! Está ben o estudo para probar que xa somos sospeitosos terroristas por falar galego e levar estreleiras. Revelador.

2 Chú Norris

Sacco e Vanzetti na Galiza? O caso Scala redivivo? Pois eso debe ser.....crear un problema artificial (os guionistas do Ministerio de Interior deben ter beca en Jolibú polo que se ve) para esmagar o independentismo. Como non teñen outra cousa que facer.....E non sería bó facer clases de lectura da Constitución Española do 78 para os mandos políticos de dito Ministerio para que teñan claro cun proxecto político, independentista ou non é tan legal como poñerlle medallas de honra da Policía Nacional a virxe de non sei qué....? Menistros, Directores Generales, Secretarios, Subsecretarios....leede mais!!!

1 paxariños

"En total, producíronse 109 arrestos contra membros do grupo armado até finais de 2015" ???????????????? Se todos os estudios da Complutense son asi ..... Mal imos. Por certo, é bazofia informativa poñer fotos de persoas que nunca foron condeadas por pertenencia ao citado grupo.