Por Galicia Confidencial | Vimianzo | 06/03/2017 | Actualizada ás 14:06
O Encoro da Fervenza, na Costa da Morte, acaba de cumprir 50 anos. Unha construción que non estivo exenta de tensións e que provocou o desprazamento de máis de 60 veciños e o asolagamento de ata sete aldeas de tres concellos diferentes.
Esta presa deixou baixo as augas 104 hectáreas de terreo onde había 6.923 leiras e aldeas que abarcaban os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Unha decisión que levou a cabo, coa complicidade do Réxime Franquista, a Sociedad Española de Carburos Metálicos S.A. que solicitou ao Ministerio de Obras Públicas a concesión para a construción dun encoro no río Xallas que almacenaría 104 Hm3. de auga para a produción de enerxía eléctrica. A concesión foi outorgada o 22 de outubro de 1958 por un período de 99 anos.
Este encoro abarcaría unha superficie de 1.250 hectáreas,repartidas entre os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. A presa tería unha lonxitude de 127 metros por 26 metros de altura e a cota de máximo nivel estaría nos 285 metros sobre o nivel do mar. A parroquia máis afectada foi a dos Vaos do concello de Mazaricos.
De alí tiveron que emigrar a outras latitudes moitos veciños, máis de sesenta de sete aldeas. Así, no Castrarón foron desaloxados 9 veciños, en Ribeira de Riba, 9; en Ribeira de Baixo, 4; no Niñán, 16; en Pazos, 17; nos Vaos, 2, e na Pesqueira, 1. A todos eles expropiáronlle a casa e as propiedades e tiveron que marchar forzados. Algúns marcharían a emigración para máis nunca volver.
Cambios de clima e de paisaxe
A súa construción cambiou a vida dos habitantes desta comarca pois inundou grandes vales e extensas áreas de cultivo. Ademais o volume da auga embalsada variou o clima da zona lixeiramente, aumentando a humidade e formando grandes bancos de néboa con frecuencia.
Ademais de aldeas enteiras, debaixo das súas augas ficou tamén o dolmen da Gándara de Baíñas. Entre o encoro e a desembocadura en forma de fervenza do Xallas pódense atopar tres presas hidroeléctricas máis: a da Ponte Olveira, Castrelo e a de Santa Uxía.
Transferida a Ferroatlántica
No ano 1992, esta concesión foi transferida á Empresa de Ferroatlántica. Na súa autorización administrativa dicía: “La Sociedad Ferroatlántica SL será titular del negocio de ferroaleaciones y energía eléctrica…. supone la aceptación de las condiciones reiteradamente exigidas por la Xunta de Galicia, en especial la no segregación en dos sociedades distintas de la actividad de ferroaleaciones y la producción de energía hidroeléctrica por las centrales a que se refiere la autorización, con lo cual queda salvado el interés público….”, tal e como lembra Modesto García Quintáns na Web colaboradora Que Pasa na Costa.
No ano 2007 tivo lugar un importante desastre ecolóxico. Os responsábeis da xestión do aproveitamento autorizaron o baleirado do encoro para a máxima produción de electricidade, xerando uns beneficios de 610.000 euros, pero provocaron a morte de milleiros de peixes. Por ese motivo foron condenados os responsábeis cunha multa de pouco máis de 300.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.