Temas: CABANAS

O Concello de Cabanas gasta 30.000 euros anuais en dietas aos concelleiros

Este ano aumentará esa partida a 40.000 tras á incorporación ao goberno municipal dunha independente. Somos Cabanas denuncia que nesta localidade reprodúcese unha situación similar á que a xustiza investiga en Valga.

Por Galicia Confidencial | Cabanas | 21/03/2017 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Un xulgado de Caldas investiga ao goberno local de Valga por un delito de prevaricación administrativa polo suposto cobro irregular de dietas durante 25 anos. A cantidade ascendería a 500.000 euros. Un asunto polo que este 29 de marzo deberán declarar o alcalde popular, José María Bello Maneiro, seis concelleiros do seu actual equipo de goberno e outros dous exconcelleiros do PP.

Candidatura do PPdeG en Cabanas, con Germán Castrillón ao fronte
Candidatura do PPdeG en Cabanas, con Germán Castrillón ao fronte | Fonte: PP A Coruña

Unha situación similar podería estar acontecendo no concello coruñés de Cabanas xa que os concelleiros do equipo do goberno estarían cobrando 30.000 euros anuais en concepto de dietas, unha cantidade que se incrementará a 40.000 euros este ano tras a incorporación da independente Eva García ao goberno municipal.

Ese diñeiro é repartido entre os concelleiros do goberno que teñen dereito de asistencia ás xuntas. Diñeiro que non cotiza á seguridade social e que só se grava no IRPF. É a denuncia que fai Xosé Manuel Pérez Sardiña, voceiro de Somos Cabanas no concello, que di que as Xuntas de Delegados están nunha situación similar ás que se investigan en Valga.

600 euros mensuais

Cabanas é un concello de arredor de 3.300 habitantes e 11 concelleiros e o gasto en comisións deste tipo é o mesmo ca o Concello de Noia que ten cinco veces a poboación de Cabanas. En total cada concelleiro ou concelleira do goberno percibe mensualmente 600 euros só neste concepto, ao que hai que sumar, a asignación a plenos, órganos externos, outras comisións e xuntas de voceiros.

O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, nun acto electoral do PPdeG
O alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, nun acto electoral do PPdeG | Fonte: galiciaartabradigital.com

“Estas comisións non teñen funcións ningunhas, só serven para que o goberno do PP cobre sen declarar que ten salario”, indica Pérez Sardiña en declaracións a Galicia Confidencial. Non asiste ningún funcionario público que certifique a realización da xunta e “son os propios concelleiros que asisten ás comisións os que asinan un formulario tipo, como pode ser unha inscrición nun rallye”.

Precisamente, Germán Castrillón, actual rexedor de Cabanas polo PPdeG e ex piloto de rally, xa foi inhabilitado en 2011 para ocupar cargos en organizacións deportivas por organizar o 39º Rally de Ferrol (2008) sen contar co permiso da Federación Galega de Automobilismo,

“Repártanse unha boa parte do orzamento municipal para órganos de goberno sen unha certificación de que se realizan as xuntas de delegados, o cal é gravísimo”, apunta Sardiña. Se non hai quen certifique, poderían non ter nin sequera realizado esa xunta e asinar soamente o formulario. 

Mocións

Somos Cabanas presentou unha moción para que se reintegren estas contías percibidas indebidamente e se regularice a situación de acordo coa lei.  Xosé Manuel Sardiña indicou que “este erro pódese solucionar devolvendo o diñeiro percibido dun xeito irregular ás arcas municipais e regular correctamente estas xuntas”. Cre que a indemnización de 150€ por xunta e concelleiro é elevada e  que se se regulariza debería ser igual á do resto das comisións (indemnizadas con 100 €). 

Este partido tamén revisou as contas xerais de 2014 e 2015 para coñecer os gastos en Xunta de Delegados e órganos externos desde comezo de lexislatura e, por iso, critica o alto custe que representa. Logo do acontecido en Valga, este grupo decatouse que o que estaba a pasar en Cabanas era “máis grave”. Por iso, presentaron unha emenda ao orzamento de 2017 para suprimir a retribución económica e as asignacións por asistencia a reunión de Xunta de Delegados, asistencia a reunión de órganos externos e mais a dedicación á alcaldía.

Fiscalía

Ademais, solicitará ao secretario un informe sobre a legalidade do procedemento que segue o concello, para que se certifiquen estas irregularidades e o goberno de Germán Castrillón recúe.

“Aínda estamos a tempo de resolvelo pola vía política sen necesidade de que medie a fiscalía”, indica. Precisamente, indica que coa moción o Goberno local estará advertidos das irregularidades e se o Pleno regula o funcionamento destes órganos e os concelleiros reintegran no concello a parte cobrada por este concepto nos últimos anos, non será necesario remitir a documentación á fiscalía.

Temas: CABANAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta