Os críticos da RAG non asistirán á votación que situará a Freixanes como presidente

Manuel González (cuxa carta crítica publicamos completa no interior) e Xosé Luís Axeitos, entre outros, critican a deriva da RAG e a falta de consenso. González di que non se propiciou ningunha "vía de diálogo" e Axeitos cualifica a Alonso Montero e Freixanes de "homes de imaxe".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/03/2017 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A división da Real Academia Galega (RAG) continúa. A pesar de que os críticos amagaron con presentar candidatura, finalmente, a falta de apoio fixo decaer a súa proposta. Non obstante, manteñen a división que existe na academia e, por iso, non acudirán á votación que situará a Víctor Freixanes como novo presidente da institución e que se celebra este martes. 

Manuel González, académico da RAG
Manuel González, académico da RAG | Fonte: puntoGAL

Este grupo, está comandado por quen xa se presentou como candidato alternativo a Alonso Montero, Manuel González, e conta co apoio doutros académicos, entre eles, Xosé Luís Axeitos, ou Darío Xohán Cabana. Segundo as fontes consultadas, este grupo podería sumar só seis académicos.  

Precisamente, foi Manuel González quen anunciou a través dunha carta que nin el, nin outros colegas, asistirán a esta votación. Na misiva González argumenta a súa decisión en que estes académicos non queren ser "corresponsables dunha vía que profunda na división da Academia", que entenden que representa a candidatura encabezada por Víctor Freixanes.

O académico desvela que se dirixiu en febreiro ao entón presidente, Xesús Alonso Montero, para solicitar que se tente "propiciar un diálogo franco entre todos os membros do Plenario para analizar a situación da RAG e tratar entre todos de atopar a mellor solución".

González entende que a institución "está a vivir un momento crucial" no que existen dúas vías: a de "profundar nas divisións" ou a de buscar "a reconciliación" entre todos os sectores do pleno. "Nesa conversación Alonso Montero xa me comunicou que o candidato á executiva era Víctor Freixanes e que na RAG xa houbo suficiente diálogo", sinalou.

A proposta do sector de González era a de conformar unha candidatura única coa integración de dous membros deste colectivo na executiva, un deles ocupando a secretaría, que finalmente foi "rexeitada" a pesar de existir "puntos de coincidencia" en conversacións mantidas co propio Freixanes.

Posteriormente, no pleno da institución propúxose a conformación dun goberno formado por persoas que non se viron involucradas nos acontecementos que desembocaron na "actual situación de tensión", en alusión á disputa xerada en 2013 que levou á dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. "Non se propiciou ningunha vía de diálogo", engadiu.

CONVOCATORIA "PRECIPITADA"

González critica, ademais, a convocatoria "precipitada" do pleno de elección para a xornada do 28 "ante a necesidade de abrir camiños de entendemento", deixando así "cinco días laborables para falar, negociar, acordar e presentar candidaturas", o que cualificou de "pouco serio e responsable".

Así mesmo, considerou "estraño" que os académicos sexan convocados "sen coñecer ningún programa" nin as liñas de actuación propostas polo candidato ou os membros que conformarán a comisión executiva, máis aló do publicado en prensa.

Por todo iso, decidiron anunciar "con dor" que varios membros deste colectivo non asistirán ao plenario deste martes, sen pretender cuestionar a "legalidade do proceso" e sen renunciar ás súas responsabilidades.

"Ratificamos a nosa intención de seguir traballando lealmente e coa mesma responsabilidade coa que sempre o fixemos ao servizo da institución e a causa da lingua galega á que nos debemos. Pero para nós é un día triste e unha oportunidade perdida", conclúe a misiva.

A RAG "ESMORECEU"

O académico Xosé Luís Axeitos, un de máis críticos coa executiva actual, tamén se referiu á falta de consenso que padece a Academia e mostrouse "triste" e "bastante decepcionado" coa deriva da institución, que levou a este grupo de académicos a ausentarse do pleno electoral.

En declaracións a Europa Press, lembrou que alguén lle dixo fai catro anos que a RAG "quedou secuestrada por 50 anos", afirmación que fai súa na actualidade tras presenciar a evolución do proceso electoral.

Axeitos contrastou a "auctoritas" de presidentes como "Barreiro, Ferrín ou Fernández del Riego" coa de Alonso Montero ou Freixanes, que son "homes de imaxe". "Iso é a realidade triste da Academia hoxe", criticou, lamentando que unha institución "cunha traxectoria de defensa e proxección pública" do idioma convértase "nunha asociación cultural". "Esmoreceu totalmente".

Este é o texto completo da carta de Manuel González

Prezado/-a compañeiro/a:

Diríxome a ti en nome dun grupo de académicos para che transmitir a nosa visión da situación ante o plenario do vindeiro martes:

1. A Academia está a vivir un momento crucial, no que existen dúas vías: a de afondar nas divisións ou a de propiciar a reconciliación para un traballo no que todos somos necesarios.

2. Sempre tivemos claro que este era o momento do diálogo e de iniciar o camiño da integración, e neste sentido telefonei a mediados de febreiro ao Presidente D. Xesús Alonso Montero para que, ante a inminencia das eleccións, tratase de propiciar un diálogo franco entre todos os membros do Plenario para analizar a situación da RAG e tratar entre todos de atopar a mellor solución. Nesa conversa Alonso Montero xa me comunicou que o candidato da executiva era Víctor Freixanes, e que na RAG xa houbera suficiente diálogo.

3. Nós propuxemos unha candidatura única, na que o sector que representamos tivese dous postos na executiva, un dos cales debería ser a secretaría para que se visibilice a existencia dunha integración efectiva. Ofrecemos nas conversas mesmo a posibilidade de que propuxesen as persoas que lles resultasen máis aceptables para iniciar este novo camiño. Esta proposta foi, primeiro, retardada e, despois, rexeitada, a pesar dos puntos de coincidencia na análise da situación nas conversas iniciais entre Víctor Freixanes e eu mesmo.

4. Vendo a deriva da situación ofreceuse no Plenario unha nova posibilidade, a de tratar de buscar un goberno de persoas non significadas nos acontecementos que desembocaron na actual situación de tensión. Non se propiciou ningunha vía de diálogo.

5. Ante a necesidade de abrir camiños de entendemento resulta difícil de comprender a convocatoria precipitada do Plenario para o día 28, cando a opinión claramente maioritaria expresada no Plenario do pasado 17 ía precisamente no sentido oposto. Fronte aos tres meses que permiten os Estatutos para a convocatoria do Plenario, fíxase unha data que deixa exactamente 5 días laborables para falar, negociar, acordar e presentar candidaturas, desde o Plenario en que se anunciou o cesamento do Presidente. Realmente parece pouco serio e moi pouco responsable.

6. Resulta ben estraño nos tempos actuais que os membros do Plenario sexan convocados para elixir presidente sen que coñezan ningún programa nin cales van ser as liñas de actuación propostas polo candidato. Tampouco se coñece que académicos van conformar a comisión executiva, fóra do que anuncia a prensa, na que figura unha persoa que aínda non asistiu a ningún plenario.

7. Despois de facer unha valoración serena da situación, non queremos ser corresponsables dunha vía que afonda na división da Academia, e anunciamos con dor que algúns membros deste grupo non asistiremos ao Plenario de elección de novo presidente.

8. Isto non significa ningún cuestionamento da "legalidade" do proceso, e ratificamos a nosa intención de seguir traballando lealmente e coa mesma responsabilidade con que sempre o fixemos ao servizo da Institución e á causa da lingua galega á que nos debemos. Pero para nós é un día triste e unha oportunidade perdida.

Un cordial saúdo, 

Manuel González González

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 balbino

A maior parte vinculados a Anova-Marea-Podemos, outros o PP pero a culpa da desfeita desta institución que debería ser un referente para tod@s @s galeg@s será tamén da UPG-BNG que teñen restrinxida a entrada na RAG.

2 Gamela

Sintoo pero nesta historia só vexo TREPAS e nada máis que TREPAS !!!

1 Eu mesmo

A miña solidariedade con este sector da Academia que non traga coas rodas de muiño que lle impoñen os outros, nin coas actitudes estalinistas de Alonso Montero. Agora ben, ainda que seca Freixanes o presidente, cando menos aforraremos os longos discursos do ex, pesado como poucos e encantado sempre de escoitarse.