Monforte volve á Idade Media con campamentos e exposicións de armas da época

Presentada a programación da XV Feira Medieval de Monforte que terá un cento de postos repartidos polo casco histórico.

Por Galicia Confidencial | Monforte | 29/03/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Monforte ultima os detalles para a celebración da XV edición da Feira Medieval, que se vai celebrar os días 15 e 16 de abril. O Alcalde avanzou, este mércores, en rolda de prensa algunhas das novidades que terá o evento deste ano: “imos recuperar o campamento medieval dos cabaleiros de Ulver, que estará instalado na Praza de España. Incluirá unha exposición de armas, de panoplias militares, cascos, indumentaria civil e utensilios medievais”.

O Alcalde, José Tomé, acompañado da concelleira de cultura, Marina Doutón, presentan a programación da XV Feira Medieval de Monforte
O Alcalde, José Tomé, acompañado da concelleira de cultura, Marina Doutón, presentan a programación da XV Feira Medieval de Monforte | Fonte: X.M. Fernández

Por outra parte, este campamento terá obradoiros demostrativos e participativos para o público. Serán de confección de frechas, esgrima antiga, pintura en miniatura e escritura gótica, tear de tablillas, só por citar algúns deles. 

Campamento medieval para nenos

Por vez primeira, a Feira Medieval de Monforte terá un campamento infantil medieval. Estará instalado dende a Porta da Alcazaba e pola rúa Falagueira. “Este campamento terá nove xogos diferentes para os máis pequenos. Por exemplo, haberá un torneo medieval, tiro con ballesta, zancos ou o xogo da ferradura. Consideramos que este é un atractivo máis para que os nenos se sintan verdadeiros protagonistas da Feira e, ó mesmo tempo, levar actividades á contorna de San Vicente”, apuntou José Tomé.

Citas tradicionais da Feira Medieval 

Nesta nova edición o Concello mantén a celebración das xustas medievais, grandes torneos medievais que terán como escenario o campo de terra dos Escolapios. Por outra parte, a programación inclúe os paseos en burriñas dende a Praza de España, e as prácticas de tiro con arco no adro da Régoa.

Outro dos atractivos será o espectáculo de lume, con personaxes saídos dende o inferno, diaños, trasgos e bruxas; e que será novamente na Praza de España. A novidade é que este ano farase no propio centro da praza, para poder facilitar a visión do espectáculo dende todos os ángulos.

Os diferentes establecementos da cidade ofrecerán menús medievais e repetirase a subida ata o Parador ao ritmo de tambores, para unha vez alí soltar simbolicamente os faroliños ao aire como testemuño da chegada.

Un cento de postos

A XV edición da Feira Medieval contará cun cento de postos. Desa cantidade, 30 están relacionadas co sector da alimentación. Haberá polbeiras, hostalaría diversa, cervexa artesá, carne á grella, filloas, churros e bolos preñados en forno de leña, entre outros. 

Por outra parte, vanse colocar 41 paradas de artesáns certificados coa súa correspondente carta de artesanía. Neste caso, os visitantes poderán atopar dende arte floral, coiro, textil, madeira de oliveira ou complementos. Haberá case outra trintena de postos dentro da especialidade de comercio, como bisutería, xabóns e cremas naturais.

Para a organización deste ano recupérase tamén a colaboración da Asociación de Artesáns de Monforte. Eles serán os que se encarguen da montaxe do estrado na Praza de España para diferentes actos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta