El Correo Gallego comeza a despedir traballadores tras sufrir EREs temporais

A empresa que dirixe José Manuel Rey Novoa podería prescindir de 30 traballadores nas vindeiras semanas. Di que xa pagou un soldo dos sete que se lles adebedan aos seus empregados desde setembro e acusa ao comité de “mentir e delirar”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 03/04/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Grupo Correo Gallego segue nunha situación moi delicada. Tan delicada, que ás súas débedas, ao ERE temporal no que están os seus traballadores e a súa delicadísima situación finacieira, súmanselle agora novos despidos.

Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com
Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com

Tal e como xa adiantou Galicia Confidencial, a dirección fixo realidade o que xa temían os traballadores e acaba de prescindir de tres empregados, algún deles, con case toda unha vida adicada a esta empresa. “E o problema non é ese, o problema é que non tivo problema en dicirlles que eles eran os primeiros dunha longa lista”, apuntan a GC fontes consultadas do entorno dos traballadores.

De feito, a intención da dirección do grupo mediático é desfacerse de entre 30 e 40 traballadores dunha plantilla que, na actualidade non chega ás 200 persoas tras os recortes dos últimos anos. Uns despidos que poden ser mitigados, en parte, polas saídas voluntarias que están tendo lugar en El Correo Gallego.

E o certo é que nas últimas semanas, e logo da mala situación da empresa, xa foron un total de once os traballadores que decidiron deixar a empresa de xeito voluntario. “Mellor saír agora que ver como o barco vai afundindo a modiño”, sinalan traballadores consultados. 

E, a pesar da delicada situación financeira da empresa, o diñeiro recadado nos últimos meses pola empresa está destinado, xa non a tapar o buraco financeiro que estas fontes cifran en 13 millóns de euros –logo da venda da súa histórica sede e doutros bens patrimoniais--, senón a pagar os novos despidos. Tamén para aboar unha das nóminas das sete que se lle adebedan aos traballadores desde setembro pasado.

José Manuel Rey Novoa
José Manuel Rey Novoa | Fonte: lacapitalmd

Ataques da empresa aos traballadores

Esta situación está creando novos focos de tensión na empresa. Por iso, nun novo comunicado interno a dirección saíu ao paso dunha nova nota do Comité de Empresa que denuncia estes despidos, e acusa á representación dos traballadores de “mentiras e acusacións delirantes”. “E faino xusto o día no que se ingreso en prazo o pago dunha nómina completa e a empresa cumpliu o compromiso adquirido con toda a plantilla”.

O xornal de Rey Novoa iniste en acusar ao comité de provocar un “incalculable dano á imaxe e prestixio” do Grupo Correo Gallego “con actuacións insólitas cando non desleais” e volve repetir, como nas anteriores mensaxes, que o feito de que os traballadores reclamen os seus dereitos “entorpece a busca de financiamento”. 

“A súa ameazante nota, empapada do espírito da negra sombra, non é tanto un ataque á viabilidade da empresa –na que esta Dirección cree, e pola que traballa as vintecatro horas do día e os 365 días do ano--, canto un desprezo insolidario ao sacrificio da plantilla, comprometida cun futuro mellor”, indica.

Longa crise

Estes despidos teñen lugar pouco despois de que o xornal vivira  a súa primeira gran protesta pública hai máis dun mes, cando preto de medio cento de empregados se concentraron diante da nova sede do grupo, no polígono de Costa Vella. Unha medida simbólica para protestar pola sua penosa situación laboral que, quedaría en nada, senón fora por unha carta que o director, José Manuel Rey Nóvoa, remitiulles aos traballadores advertíndoos dos graves perigos que suporía esa mínima acción simbólica de protesta. Non só iso, senón que tamén enviou un fotógrafo para rexistrar quen se estaba manifestando. 

Os traballadores levan sufrindo en silencio durante moitos anos. A empresa, que ameaza con caer na quebra técnica e perdeu xa a súa histórica sede, debe salarios desde setembro pasado, a pesar de que estes levan insertos nun ERE temporal que os deixará sen cobertura de desemprego se van ao paro.

Por iso, nas últimas xuntanzas que mantivo o Comité de Empresa coa dirección do grupo, insistiuse na necesidade de que se asuma un compromiso de pago destes salarios atrasados. Un compromiso que o xornal négase a asumir.

Así, e segundo as actas das xuntanzas entre o comité e a empresa, que coñecen todos os traballadores e que chegaron a GC, a representación dos traballadores denunciou que a empresa está a incumprir estes acordos de xeito sistemático. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Fende

Non se lle pode negar á dirección que leva anos facendo todo o posible para salvar a empresa: adulando ao poder pepeiro e facéndolle o traballo sucio descaradamente, en prexuízo do xornalismo como idea e dos lectores que queren informarse.

2 Klaus

Con ese director era de esperar

1 Sansatez

Que pena, que una cabecera que se forjo con el tesón de tantos y tan buenos acabe de esta manera .....puro destino.