A conselleira Mato pide “humillar” ao seu contrincante do PP da Coruña

“Cando saímos hai que ir á goleada...Ata humillando un pouquiño”, asegurou Mato. Javier Escribano pídelle que rectifique estas manifestacións “antidemocráticas”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/04/2017 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

O exdeputado popular Javier Escribano denunciou que a súa rival na pugna polo liderado do PP da Coruña, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, pediu apoios nun acto con militantes celebrado o sábado no Club Náutico da Coruña chamando a gañarlle "por goleada e ata humillando", afirmación pola que lle pide que "rectifique".

Javier Escribano, candidato do PP á secretaría local deste partido na Coruña
Javier Escribano, candidato do PP á secretaría local deste partido na Coruña | Fonte: EP

O candidato alude a un vídeo que circula por redes sociais no que Mato aparece nun acto, no que están outros dirixentes populares, e pide apoio para liderar o PP da Coruña. "Unha vez que saímos, hai que ir á goleada. Eu, non me gusta a palabra, pero case, case, ata humillando un pouquiño", afirma a candidata.

Escribano espera "unha rectificación inmediata" de Mato, "acompañada das súas desculpas por tal antidemocrática manifestación" e "non só a el, senón a todos os afiliados do partido", posto que, ao seu xuízo, son actitudes impropias dun contexto democrático".

En palabras de Escribano, Mato "non só quedou retratada sobre cal é o seu modelo de partido, senón que tamén queda absolutamente inhabilitada para ser presidenta do PP da Coruña e candidata á Alcaldía".

"Hai expresións que van moito máis alá de ser simples comentarios e que indican cales son as formas de actuar por parte daqueles que pretenden representarnos e tratar de humillar a un compañeiro de partido, polo mero feito de ser tamén candidato. Esa é a peor das intencións coa que unha candidata pode afrontar un proceso democrático", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta