A tribo de Manuel María

Presentan na Casa-Museo do escritor a nova edición dun poemario seu que é un canto lírico-etnográfico da súa terra natal.

Por Galicia Confidencial | Outeiro de Rei | 04/04/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Os lectores, e non lectores, do poeta Manuel María poderán desfrutar dun novo poemario. A Casa-Museo do escritor presenta este vindeiro sábado a nova edición de 'Ritual para unha tribo capital de concello', poemario de Manuel María editado por primeira vez en 1986. Un libro, que en palabras de Camilo Gómez Torres, biógrafo e estudoso da obra de Manuel María,  “é  sentido e sufrido polo poeta coa intensidade dun amor que vai máis aló da vida e da morte”.  

Manuel María fotografiado por Xurxo Lobato
Manuel María fotografiado por Xurxo Lobato | Fonte: DUVI.

'Ritual para unha tribo capital de concello' é un canto lírico-etnográfico da tribo natal de Manuel María, Outeiro de Rei. A intimidade, as lembranzas e a historia persoal e colectiva, as vivencias, as identificacións coa natureza, os retratos de familia, a denuncia social, as romarías, as lendas, os ritos, os traballos… fanse presentes neste espazo vital dunhas xentes e dun pobo que ama, que sente seu e que ergue poeticamente desde a lembranza da sua infancia para ir avanzando no tempo até o presente-futuro do seu non ser físico.

A Casa-Museo Manuel María lembra que vén tratando desde os seus inicios de publicar obra inédita de Manuel Maria, reedición de obras con edicións esgotadas e publicación de estudos sobre o escritor e escolmas da súa obra. 

O ano pasado publicou 11 obras de Manuel María, ademais dun ensaio de Camilo Gómez Torres sobre a poesía do escritor. En concreto, Ritual para unha tribo capital de concello  pertence a unha obra con edición esgotada, a súa primeira edición foi en Ediciós Follas Secas, Col. Castromao de Poesía, en Ourense, 1986, e a súa segunda edición está dentro do volume II da Obra poética completa, editada por Edicións Espiral Maior en 2001.

A profesora de literatura de Educación Secundaria, Eva Teijeiro, o divulgador cultural e investigador da historia de Outeiro de Rei , Orlando Viveiro, o arquéologo e museólogo, Felipe Senén, autor das ilustracións do libro, e o profesor de Historia da Universidade de Deusto, Xosé Estévez, autor do limiar do poemario, serán as persoas encargadas da presentación, na que tamén se intercalará coa lectura, por parte das persoas presentes, dalgúns dos poemas contidos no libro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta